Autor:
Soporte:
Libro
Editor:
Lar
Nesta peza teatral escrita en verso abórdase a “verdade da lenda independente da verdade da hestoria” (Cabanillas e Villar Ponte 1996 [1926]: 110) de Pero Pardo de Cela, o mariscal decapitado en Mondoñedo no ano 1483 por orde dos Reis Católicos. Ao xeito dunha nova lectura mitificadora, cómpre entender a súa como “unha figura fundamental da historia de Galiza” (DLG 2000: 294), un mártir con cuxo aforcamento “sucumbeu a nazonalidade galega” (Villar Ponte apud Insua López 2005: 131).
A obra, a primeira de temática histórica e a máis relevante do teatro galego feito ata o 1926 (DLG: 294), a súa data de publicación, resulta un exercicio de oposición entre unha Galiza ―representada pola torre da Frouseira― que encarna sempre os valores positivos e unha Castela que é paradigma do mal. Así pois, é este tamén un exercicio práctico das ideas de Villar Ponte arredor da “utilidade do teatro como instrumento divulgador e educador da sociedade” (DGL 2000: 294).
Fontes:
Cabanillas, Ramón / Villar Ponte, Antón (1996) [1926]: “O Mariscal. Traxedia histórica en verso. Lenda tráxica en verso”, en Carlos L. Bernárdez / Vieites Manuel F. (eds.), Ramón Cabanillas: obra dramática. Vigo: Xerais, 107-222.
DLG = Vilavedra, Dolores (coord.) (2000): Diccionario da literatura galega, vol. III. Vigo: Galaxia, 294-295.
Insua López, Emilio Xosé (2005): Sobre O Mariscal, de Cabanillas e Villar Ponte: contexto, xénese, contido e peripecia dunha obra-mestra do teatro galego. A Coruña: Biblioteca-Arquivo Francisco Pillado Mayor.
Cabanillas, Ramón e Villar Ponte, Antón (1926): O Mariscal. Traxedia histórica en verso. Lenda tráxica en verso. A Coruña: Lar.