Na noite estrelecida

Autor:

Ramón Cabanillas

Soporte:
Libro

Editor:
Lar

Observacións

Unidos tematicamente os tres poemas ―ou sagas, como gustaba Cabanillas denominalos― pola materia de Bretaña mais a “dignificación mítica do país galego” (DLG 2000: 321), este volume está conformado por “A espada Escalibor”, “O cabaleiro do Sant Grial” e “O soño do Rei Artur”; uns textos que foran publicados en diferentes revistas con anterioridade e que Lar editaba desta volta conxuntamente. Acompañan os textos as ilustracións de Castelao.

Froito das teses de Manuel Murguía e outros románticos que irmandaran as orixes da raza galega co celtismo e o atlantismo, así como do labor poético de Pondal, o autor reubica os asuntos artúricos ―clericalizados, iso si― nunhas coordenadas galegas de exaltación dos seu idealismo. Dalgunha maneira, pódese intuír a partir deste poemario como a terra prometida de Galiza será quen de encontrar o seu porvir e a rexeneración da súa cultura neste pasado mítico.

A de Xosé Ramón Pena de 1988 é a única edición anotada e comentada que existe desta obra de Cabanillas.

Fontes:

DLG = Vilavedra, Dolores (coord.) (2000): Diccionario da literatura galega, vol. III. Vigo: Galaxia, 320-325.

Referencia

Cabanillas, Ramón (1926): Na noite estrelecida. Mondariz-Balneario: Lar.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar a navegación no nosa web. Máis información na POLÍTICA DE COOKIES

Aceptar