Contos de asieumedre

Autor:

Manuel Lugrís Freire

Soporte:
Libro

Editor:
Litografía e imprenta Roel

Observacións

Desde finais do século XIX e até as primeiras décadas do século XX esta compilación viuse modificada en canto aos relatos que se integraban nela. Aparecendo tamén algúns contos soltos na prensa de aquén e alén mar, desde os anos 1907 e 1908 o subtítulo que os acompañaba era o de “A carón do lar”, polo cal xa quedaban adscritos a un contexto de consumo específico que remitía ao lectorado a un “ámbito privilexiado de transmisión da nosa literatura popular” (DLG 2000: 100), funcional tamén posteriormente ―pénsese na obra de Ánxel Fole Á lus do candil. Contos a carón do lume (Galaxia, 1953)―.

Salienta entre as temáticas abordadas na obra ―a loita anticaciquil, a defensa da lingua, a crítica á Igrexa e á xustiza...― a do celtismo ―véxase o conto que leva por nome “¡Protestante!”―. Porén, nesta ocasión, a liña mítica que trata de irmandar as orixes galegas coa dos celtas non é continuada, senón que é criticada.

Foi en 1970 cando a editorial viguesa Castrelos reeditou a maior parte destes textos nun volume intitulado entón A carón do lar (Contos). Facendo parte da colección “O Moucho”, anunciada baixo o lema “Libros do pobo e para o pobo”, estes contos de Lugrís Freire volvían ser cincuenta anos despois unha aposta segura para buscar a popularización do libro galego que escapaba ao proxecto Galaxia, máis dirixido ás capas burguesas da sociedade.

Fontes:

DLG = Vilavedra, Dolores (coord.) (2000): Diccionario da literatura galega, vol. III. Vigo: Galaxia, 100-101.

Regueira Mario (2020): Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966). Vigo: Xerais, 65-68.

Referencia

Lugrís Freire, Manuel (1920): Contos de asieumedre. A Coruña: Litografía e imprenta Roel.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar a navegación no nosa web. Máis información na POLÍTICA DE COOKIES

Aceptar