Autor:
Soporte:
Libro
Editor:
Nós
Esta novela, a única longa do escritor de Rianxo, recolle a historia de Pedriño ―o máis pasivo, cobizoso e inmobilista― e de Rañolas ―encrequenado, é dos dous o máis inconformista e imaxinativo―. Unha lectura que se pode facer da evolución do pensamento destes personaxes apunta tanto cara á universal confrontación do materialismo mais do idealismo como cara ao ser galego. Este, marcado pola emigración, está sempre “tentado pola nugalla e víctima de fames seculares, derreado por unha administración corrosiva e inoperante (...), un pobo que non ofrece resistencia e se acomoda ou se perde nas contradiccións en un momento de soidade se suicida” (Rosales 1997 apud DLG 2000: 158).
Na obra pode verse, ademais, o manexo da técnica contrapuntística e paralelística así como un humorismo compensatorio que é pegada do autor e tamén da filosofía da Xeración Nós na que se encadrou. Como expresou na conferencia do mes de marzo de 1920 a propósito dunha mostra das ilustración do seu álbum Nós, un “galego é sempre socarrón ou humorista e a socarronería é o humorismo dos incultos así coma o humorismo é a socarronería dos cultos” (Rodríguez Castelao 1961 [1920]: 17).
Fontes:
DLG = Vilavedra, Dolores (coord.) (2000): Diccionario da literatura galega, vol. III. Vigo: Galaxia, 157-159.
Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel (1961) [1920]: Humorismo, dibuxo humorístico, caricatura: conferencia. A Coruña: Real Academia Galega.
Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel (1934): Os dous de sempre. Santiago de Compostela: Nós.