Arredor de si

Autor:

Ramón Otero Pedrayo

Soporte:
Libro

Editor:
Nós

Observacións

Interpretada comunmente como unha “biografía ficcional da peripecia vital dos homes de Nós” (Vilavedra 1999: 191), Arredor de si devén nunha gran parábola existencial da descuberta da Terra polo protagonista Adrián Solovio. Este personaxe é un esquema de pensamento que lle permite a Otero Pedrayo expoñer a súa ideoloxía ―a de todo o grupo― arredor do achado de Galiza como refuxio diante da invasión da modernidade, agresiva e alienante no seu pensar.

Dunha narración interna e psicolóxica, con saltos no tempo, esta novela de personaxe que pode ser tamén novela de tese subliña o “mergullamento vital nas esencias do ser” galego fronte á cultura española ancorada en Madrid e ao “cosmopolitismo falaz” de Europa (DLG 2000: 39). Coa viaxe física de Solovio polos diferentes territorios alén da Galiza dáse unha viaxe espiritual que desemboca na revelación da identidade do pobo galego.

Outros aspectos que se reflicten nesta novela teñen que ver coa oportunidade perdida pola fidalguía de ser reitora da sociedade galega do momento ou co lirismo mais coa saudade presentes nas reflexións sobre o ser galego.

Fontes:

DLG = Vilavedra, Dolores (coord.) (2000): Diccionario da literatura galega, vol. III. Vigo: Galaxia, 37-41.

Vilavedra, Dolores (1999): Historia da literatura galega. Vigo: Galaxia, 173, 191-192.

Referencia

Otero Pedrayo, Ramón (1930): Arredor de si. A Coruña: Nós.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar a navegación no nosa web. Máis información na POLÍTICA DE COOKIES

Aceptar