Autor:
Soporte:
Libro
Editor:
Nós
Os camiños da vida devén na literaturización da historia do país: desde o provincialismo mais a Desamortización de Mendizábal e até a revolución de setembro de 1868, Otero Pedrayo rexistra nesta súa primeira gran novela as mudanzas da sociedade rural galega na primeira metade do século XIX. Así pois, pode observarse ao longo destas páxinas a decadencia da fidalguía ―conservadora das esencias da tradición galega, inadaptada ao tempo presente e rival dos vendedores casteláns que pouco a pouco van aumentando a súa presenza no territorio― ou descomposición do sistema tardofeudal galego que se produce co paso da economía natural á monetaria.
Definida a miúdo polo seu romantismo, o seu lirismo e o seu fragmentarismo, a obra publicouse en tres volumes diferentes ―cada un contaba con sete capítulos― na editorial Nós á altura de 1928. Sendo “Os señores da terra” e “A maorazga” os nomes da primeira e da segunda parte, respectivamente, se cadra a de máis fonda repercusión ―polas concomitancias con outros textos da época tales como Arredor de si (1930), do propio Otero Pedrayo, “Nós, os inadaptados” (1933), de Vicente Risco ou “Dos nosos tempos” (1920), de Cuevillas― foi a terceira delas. “O estudante” reflicte a progresiva formación do protagonista, Adrián Soutelo, no plano intelectual, ideolóxico e afectivo e a final chamada da Terra que é a salvadora non só deste individuo, senón tamén dos da súa clase e da mesma Galiza.
Un último aspecto a comentar nesta entrada é o da simboloxía dos espazos. A paisaxe como un factor definitorio da identidade galega, diferenciada, é sempre máis que un fondo para o argumento: “se Trasouto remite á Arcadia perdida e ós camiños, só alterados pola chegada da estrada, a vila (Ourense) constitúe o ámbito da rúa e un espacio artificial, conflictivo e insolidario. Compostela, como cidade eterna, resolve esta contradicción porque ten un pasado histórico, un presente cultural e un porvir no horizonte da liberdade” (DLG 2000: 72).
Fontes:
DLG = Vilavedra, Dolores (coord.) (2000): Diccionario da literatura galega, vol. III. Vigo: Galaxia, 69-74.
Vilavedra, Dolores (1999): Historia da literatura galega. Vigo: Galaxia, 189, 192.
Otero Pedrayo, Ramón (1928): Os camiños da vida. A Coruña: Nós.