Mitteleuropa

Autor:

Vicente Risco

Soporte:
Libro

Editor:
Nós

Observacións

O libro intitulado Mitteleuropa de 1934 recolle os artigos publicados desde catro anos antes na revista Nós, baixo o epígrafe “Da Alemaña”. Grazas a unha bolsa de estudos, o autor ourensán moveuse polo centro de Europa indagando na etnografía mais no folclore de cada lugar. A viaxe levaríao tamén a criticar as ideas que no conxunto do continente se estaban desenvolvendo e as cales, na súa opinión, confirmaban a decadencia na que se encontraba Occidente ―unha reflexión idéntica está recollida en Las tinieblas de Occidente (Sotelo Blanco, 1990) (vid. Vilavedra 1999: 177)―.

Aborda nestes textos, por exemplo, as diferenzas entre os pobos europeos que afrontan o mundo de maneira activa e os orientais, máis contemplativos. De aquí tira a conclusión de que as culturas son diferentes porque son os pobos construtores desa cultura tamén diferentes. É dicir, “a cultura é unha creación social e imaxe dunha determinada comunidade” (DLG 2000: 313) que non pode ser imitada por outras. Alén disto, tamén discorre acerca da mocidade e a súa uniformidade que é anuncio novamente do esmorecer cultural occidental ou da defensa da fidalguía e o seu ideal colectivo fronte aos intereses egoístas de capitalistas e obreiros. En xeral, da serie de crónicas dedúcese Vicente Risco avanza cara a unha postura ideolóxica cada vez máis conservadora.

Fontes:

DLG = Vilavedra, Dolores (coord.) (2000): Diccionario da literatura galega, vol. III. Vigo: Galaxia, 312-314.

Vilavedra, Dolores (1999): Historia da literatura galega. Vigo: Galaxia, 176-177.

Referencia

Risco, Vicente (1934): Mitteleuropa. Santiago de Compostela: Nós.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar a navegación no nosa web. Máis información na POLÍTICA DE COOKIES

Aceptar