O porco de pé

Autor:

Vicente Risco

Soporte:
Libro

Editor:
Nós

Observacións

Reeditada por Galaxia en 1972 canda outras narracións, O porco de pé é a única novela completa en galego do autor. É considerada pola crítica como a primeira novela galega moderna ―ou aquela que definitivamente conduce a narrativa galega cara á modernidade― ao innovar tan eficazmente na configuración discursiva: rachadas as convencións decimonónicas, o narrador da obra enuncia a historia en segunda persoa facendo todo un exercicio de linguaxe e diríxese a un lector implícito que por fin é forzado a interpretar os diferentes recursos subversivos, afastado así da pasividade á que estaba acostumado.

A novela que conta a historia de Don Celidonio ―representante da materia―, un castelán que veu traballar de mancebo a Oria ―trasunto de Ourense, símbolo do provincianismo español ― nunha tenda e que foi ascendendo socialmente despois do casamento coa filla do dono, e do doutor Alveiros ―representa o espírito― admite unha lectura satírica e carnavalesca sen igual. A obra, grazas ao lirismo invertido, ao heroísmo grotesco, ao pseudocientifismo e á falsa interpretación ideolóxica (vid. Antón Risco apud DLG 2000: 383), é unha achega ao humorismo na literatura. Lémbrese que este para os homes de Nós era un elemento constituínte ou definitorio do ser galego, do Volkgeist. Humor e parodia, pois, veñen neste libro a desintegrar os valores da cultura de poder. Isto é, do urbanismo mais do capitalismo fronte ao ruralismo tradicional, do economicismo social fronte ao espiritualismo, da historia entendida como degradación fronte á crenza no progreso ilimitado ou do cientifismo fronte ao irracionalismo gnoseolóxico. Recollendo gran parte do ideario de Risco pero sen chegar a ser unha novela de tese, O porco de pé é un rexistro do proceso de alienación do doutor Alveiros á vez que emblema da vitoria da vulgaridade sobre as elites.

Fontes:

DLG = Vilavedra, Dolores (coord.) (2000): Diccionario da literatura galega, vol. III. Vigo: Galaxia, 380-383.

Vilavedra, Dolores (1999): Historia da literatura galega. Vigo: Galaxia, 179-180.

Referencia

Risco, Vicente (1928): O porco de pé. A Coruña: Nós.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar a navegación no nosa web. Máis información na POLÍTICA DE COOKIES

Aceptar