Versos de loita

Autor:

Manuel Lugrís Freire

Soporte:
Libro

Editor:
El Noroeste

Observacións

Estes versos de Manuel Lugrís Freire claman pola esencia diferenciada da terra galega. Poden apreciarse nos seus poemas os motivos que caracterizan o “ser galego” e a súa realidade ―a morte xusta pola patria galega, a forte presenza do mar e do campo, as conexións co mundo celta, a aldraxe do lar...―. Tamén as referencias a persoeiros destacados do pensamento nacional, como Curros ou Murguía.

Cun estilo de escrita directo, a vontade popular baixo a que se concibiron os textos é clara. Reforza o dito a súa publicación dentro do suplemento literario “¡Terra a Nosa! Bibrioteca Popular Galega” do xornal El Noroeste. Esta parecía ser unha resposta ás demandas das Irmandades da Fala, que reclamaban novas canles de difusión para estender a lingua e cultivar os diferentes xéneros literarios. O baixo custo das edicións como esta animaba ao público a consumir unha literatura en galego que sen dúbida contribuiría á cohesión da comunidade nacional galega. Porén, debido ás diferenzas entre as tendencias nacionalistas das Irmandades e as rexionalistas de ¡Terra a Nosa!, a ruptura foi inevitable. Así, neste número 13 da colección os editores na nota “Ao lector” denuncian o silencio “das entidades e pubricacións obrigadas á lle dare calor ao espallamento d’este folleto” e, nunha mostra de urxencia épica, eles mesmos decidíanse a continuar co labor para abrir “camiño por Galicia enteira” sen “recramos, sin propagandas”, crebando “trunfalmente a indeferencia que moitos cren eisiste na nosa terrra pol-a lectura do galego” (apud Lugrís Freire 1919: 3). Habería que agardar até a formación de Céltiga para volver encontrar un proxecto de editora nacional (vid. Tato Fontaíña 2003: 200-203).

Fontes:

Lugrís Freire, Manuel (1919): Versos de loita. A Coruña: El Noroeste. <https://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_adg_Manuel_Lugris_Freire_011.pdf> [23/01/2025].

Tato Fontaíña, Laura (2003): “A emerxencia do discurso narrativo: das coleccións de novela curta ao romance”, en Maria do Amparo Tavares Maleval / Francisco Salinas Portugal (dirs. congr.), Estudos galego-brasileiros. Rio de Janeiro: H. P. Comunicação Editora, 196-200.

Referencia

Lugrís Freire, Manuel (1919): Versos de loita. A Coruña: El Noroeste.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar a navegación no nosa web. Máis información na POLÍTICA DE COOKIES

Aceptar