Autor:
Soporte:
Libro
Editor:
El Eco de Santiago
Lido publicamente a modo de discurso no seu ingreso no Seminario de Estudos Galegos, esta peza teatral de Dieste supón un gran paso adiante na converxencia da ética mais da estética na arte. Baixo o subtítulo “Comedia de remate ledo en tres lances, o último cun respiro”, o drama presenta un conflito que xira arredor da negación e/ou da reafirmación das orixes sociais ligadas á cultura rural e mariñeira. Conflito que cobra maior relevancia cando sucede a esta proveniencia un paso exitoso pola emigración ―don Miguel está caracterizado como un indiano que retorna cunha boa posición económica―.
Así pois, nunha estrutura clásica, o tema central aborda non só a identidade do individuo, senón tamén a da colectividade unha vez que a persoa se integra na comunidade. Trata a obra, en definitiva, a identidade da unidade representada nesa fiestra que vai quedando “valdeira”, sen as lanchas dos mariñeiros. Canda ela, tamén o protagonista se baleira de contido. Porén, é no pintor do cadro onde se manifesta a resistencia ao esquecemento do pasado. Esta postura que non quere borrar o lugar e a clase social de orixe é signo do compromiso do artista co auténtico. É signo da verdade esencial das cousas que a arte debe respectar.
No ano 1958 publicouse a segunda edición deste texto. Correu a cargo da editorial bonaerense Citania de Luís Seoane. A terceira e definitiva edición (1980) engadiu un glosario galego-castelán, o que dá pistas sobre o público potencial desta obra ―ou ben se dirixía a lectores non familiarizados co galego ou ben aos non afeitos co mundo do mar―.
Fontes:
DLG = Vilavedra, Dolores (coord.) (2000): Diccionario da literatura galega, vol. III. Vigo: Galaxia, 208-211.
Vilavedra, Dolores (1999): Historia da literatura galega. Vigo: Galaxia, 205-206.
Dieste, Rafael (1927): A fiestra valdeira. Santiago de Compostela: Tipografía El Eco de Santiago.