O Diputado por Veiramar

Autor:

Gonzalo López Abente

Soporte:
Libro

Editor:
A Nosa Terra

Observacións

Esta obra de López Abente foi a gañadora do certame que A Nosa Terra convocara en 1918 para avaliar o estado da literatura galega. Froito das intencións das Irmandades da Fala, o premio estaba pensado para potenciar a novela sobre os outros xéneros literarios ―por este motivo tamén a dotación económica nesta categoría era maior do que nas restantes―.

Contando a vida do Marqués de Nemancos desde a súa infancia e até a adultez chea de miseria tanto no plano amoroso como no da política vilega, o autor aproveita para situar o galego na boca das capas altas da sociedade galega ―na da fidalguía, máis concretamente, como fixera xa Cabanillas n’A man de Santiña e como faría máis tarde Otero Pedrayo en varias obras da súa produción―. Estas intencións, froito da vontade nacionalista das Irmandades da Fala, xunto co seu desenvolvemento mais coa “visión moderna do arte de novelare” ―son estas palabras do xurado (apud Tato Fontaíña 2003: 195)― supuxeron a publicación en 1919 do libro dentro da colección “Bibrioteca Galeguista” e o inicio dunha renovación da prosa que implicaba tanto o aspecto temático como o lingüístico e formal, afastada cada vez máis dun “senso dialeutal aldraxante e tristeiro” (apud Tato Fontaíña 2003: 199)―.

Fontes:

Tato Fontaíña, Laura (2003): “A emerxencia do discurso narrativo: das coleccións de novela curta ao romance”, en Maria do Amparo Tavares Maleval / Francisco Salinas Portugal (dirs. congr.), Estudos galego-brasileiros. Rio de Janeiro: H. P. Comunicação Editora, 194-195, 199-200.

Referencia

López Abente, Gonzalo (1919): O Diputado por Veiramar. A Coruña: A Nosa Terra.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar a navegación no nosa web. Máis información na POLÍTICA DE COOKIES

Aceptar