Autor:
Soporte:
Libro
Editor:
Nós
Publicadas de maneira independente e con anterioridade (1919-1928) na prensa, as Cousas de Castelao saíron do prelo de Lar ―aquela coa que Ánxel Casal e Leandro Carré Alvarellos consolidarían a narrativa en galego― á altura de 1926 e de Nós en 1929. O volume conxunto tal e como o coñecemos na actualidade non se editou até 1934 ―tamén baixo a responsabilidade de Nós―.
As dúas entregas da obra suman un total de 44 textos. Estes escritos encóntranse nunha perfecta simbiose coas ilustracións feitas tamén polo autor. Así, a crítica acostuma a falar dun “subxénero autóctono” (Vilavedra 1999: 183) que as Cousas instauran ao seren máis do que un “texto ilustrado” ou dun “debuxo con pé escrito” (DLG 2000: 112). Combinando doses de drama e de humor, Castelao dálle forma artística aos elementos do imaxinario nacional da época que definen o ser galego. Como indicou Rei Romeu (1991 apud DLG 2000: 113), desde a individualidade das personaxes que protagonizan estas pequenas historias pódese pasar ao plano da colectividade ao se erixiren en símbolos que conteñen a interpretación esencial da realidade ―socio-económica, pero tamén filosófica e psicolóxica― do país.
Fontes:
DLG = Vilavedra, Dolores (coord.) (2000): Diccionario da literatura galega, vol. III. Vigo: Galaxia, 112-114.
Tato Fontaíña, Laura (2003): “A emerxencia do discurso narrativo: das coleccións de novela curta ao romance”, en Maria do Amparo Tavares Maleval / Francisco Salinas Portugal (dirs. congr.), Estudos galego-brasileiros. Rio de Janeiro: H. P. Comunicação Editora, 205-206.
Vilavedra, Dolores (1999): Historia da literatura galega. Vigo: Galaxia, 183-184.
Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel (1934): Cousas. Libros I e II. Santiago de Compostela: Nós.