Autor:
Soporte:
Libro
Editor:
Céltiga
En 1921, en Ferrol, xurdía Céltiga, a aspirante a devir na editora nacional galega que as Irmandades da Fala demandaran. Nese mesmo ano publicábase Alén. Dita peza dramática, dun acto único pero con tres cadros, sitúa en Nova York unha comedia romántica na que se ven involucrados personaxes irlandeses, alemáns e norteamericanos. Estes agardaban na súa sociedade espiritista polo mestre que andaba polo mundo das tebras.
Tal e como se sinala na contracapa do libro que edita Galaxia en 2010, hai dous aspectos moi importantes a comentar sobre a obra. Por unha banda, esa “impostura”. Pola outra, as “xeografías da saudade”. A primeira das tensións subliña a pouca credibilidade da historia que, nun lugar alleo a Galiza, presentaba uns individuos falando galego “como o fala a xente de Mugardos ou do Valdoviño” (apud Quintanilla 2010). O que moi posiblemente Quintanilla sentía como unha necesidade de homologación e de internacionalización ―como acontecía con Manoel Antonio ou Xesús Bal y Gay neses mesmos anos 20 ou con Gonzalo R. Mourullo na década de 50 (vid. Figueroa 2010: 73, 86, 92, 143)― para unha renovación do xénero ―esta é a incorporación do teatro galego á corrente simbolista― e unha maior autonomía do campo literario traduciuse na loita entre un ansiado modernismo que puxese Galiza no compás de Europa ―velaquí o motivo da defensa que fai do texto Vicente Risco (1922 apud Vieites 2022: 5) ao dicir que, malia ser unha historia de xentes doutras terras, é “interpretada e sentida, asegún as normas da y-alma galega”― e un realismo que viña de antigo e ao que non se quería renunciar ―por esta razón Carré Alvarellos lle fixera unha valoración negativa (vid. Vieites 2022: 6)―.
A respecto da saudade cabe mencionar como o seu carácter inmanente do ser galego que comezou a se desenvolver neste tempo dos homes de Nós, chegadas as décadas de 50 e de 60, foi meritoria de tan grande atención que acabou por volverse unha auténtica filosofía (vid. Regueira 2020: 153, 160-161), un elemento máis do imaxinario nacional.
Fontes:
Figueroa, Antón (2010): Ideoloxía e autonomía no campo literario galego. Bertamiráns: Laiovento.
Quintanilla, Xaime (2010) [1921]: Alén. Vigo: Galaxia. <https://editorialgalaxia.gal/produto/alen/> [08/04/2025].
Regueira Mario (2020): Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966). Vigo: Xerais.
Tato Fontaíña, Laura (2003): “A emerxencia do discurso narrativo: das coleccións de novela curta ao romance”, en Maria do Amparo Tavares Maleval / Francisco Salinas Portugal (dirs. congr.), Estudos galego-brasileiros. Rio de Janeiro: H. P. Comunicação Editora, 200.
Vieites, Manuel Francisco (2022): “No centenario de Alén, de Xaime Quintanilla. Unha estimación crítica”, Moenia 28, 1-19.
Quintanilla, Xaime (1921): Alén. Ferrol: Céltiga.