Donosiña

Autor:

Xaime Quintanilla

Soporte:
Libro

Editor:
Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor (Universidade da Coruña)

Observacións

Aínda que inédita até o ano 1997 ―Laura Tato Fontaíña foi quen se ocupou deste labor―, Donosiña escribiuse en 1920, ano no que foi representada no Teatro Xofre de Ferrol. O sobrenatural e as crenzas populares teñen importancia como noutras obras do momento, mais desde a temática e ata a maneira de abordar a peza ―ao xeito naturalista do teatro europeo― a renovación de Quintanilla neste texto é innegable. A mestura de subxéneros literarios ―comedia policial, folletín...―, a troca do platonismo pola primeira linguaxe erótica ou a falta dunha lección moral e/ou social son trazos que apuntan cara a un teatro galego novo.

A vontade rupturista da peza non se entende se non se encadra dentro do Conservatorio Nacional do Arte Galego creado en 1919 pola Irmandade da Fala coruñesa. Lonxe do asunto rural mais das ideas rexionalistas, o Conservatorio buscaba a creación dun teatro ―e dun público― urbano e culto. No fondo, ao recibir de xeito contrario a proposta de Xaime Quintanilla, a mesma institución do Conservatorio serviu para pór de manifesto as contradicións dunha sociedade dividida entre aqueles que ansiaban a novidade e aqueles que preferían limitar o progreso. Malia as discrepancias, un nexo común era claro: cumpría dignificar a lingua. Por este motivo, en Donosiña tanto os personaxes de clase popular como os de clase alta falan galego. O idioma, en todos os estratos sociais e en todos os rexistros lingüísticos, debía ser válido.

Fontes:

DLG = Vilavedra, Dolores (coord.) (2000): Diccionario da literatura galega, vol. III. Vigo: Galaxia, 151-153.

Tato Fontaíña, Laura (1997): “Introdución”. En Xaime Quintanilla: Donosiña. A Coruña: Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor (Universidade da Coruña), 9-57.

Tato Fontaíña, Laura (2016): “Novo teatro para un tempo novo”, en Tato Fontaíña (ed.), O teatro nas Irmandades da Fala. A Coruña: Real Academia Galega, 15-20.

Referencia

Quintanilla, Xaime (1997) [1920]: Donosiña. A Coruña: Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor (Universidade da Coruña).

Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar a navegación no nosa web. Máis información na POLÍTICA DE COOKIES

Aceptar