XXV Simposio Internacional do Atlas Linguistique Roman
Santiago de Compostela acollerá por cuarta vez, do 18 ao 20 de xuño de 2025, as investigadoras e investigadores do Atlas Linguistique Roman (ALiR) no seu XXV Simposio Internacional, organizado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), o Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o comité de dirección deste atlas. A xornada do xoves 18 encóntrase aberta ao público xeral, posto que as outras dúas están destinadas ás persoas que integran o equipo de traballo do ALiR, e terá lugar na quenda de mañá no CRPIH e, na de tarde, na Facultade de Filoloxía da USC.
O ALiR foi promovido pola Universidade de Grenoble como unha necesidade xurdida dentro do comité románico do Atlas Linguarum Europae de afondar no estudo da realidade dialectal do espazo románico europeo. Neste proxecto participan máis de trinta universidades e centros de investigación de todos os países europeos que posúen falas románicas no seu espazo territorial.
