Conferencia de Juan Manuel Fustes no ILG
O profesor Juan Manuel Fustes Nario, da Universidad de la República (Montevideo), ofrecerá a conferencia Ensinar o saber dos falantes. Reflexións ao redor dunha indagación no ensino do galego nas últimas catro décadas o 9 de outubro, ás 13 h, na sala de divulgación do noso centro.
Fustes presentará algunhas observacións sobre os materiais dispoñibles para o ensino de galego seguindo unha liña de investigación sobre as dimensións teóricas do ensino de linguas desenvolvida na súa universidade. Esta liña pregúntase sobre as posibilidades da expresión ensinar o saber do falante e sobre os elementos teóricos mínimos do ensino de linguas. Neste contexto, o galego resulta un obxecto de estudo interesante, xa que moitas discusións sobre o ensino estiveron centradas na loita contra unha realidade lingüística que requiría unha intervención. Nese sentido, as preguntas sobre os compoñentes do ensino, incluso as relacións de causalidade que lle son atribuídas, tórnanse particularmente pertinentes. A reflexión centrarase nunha refocalización da lingua como saber/coñecemento, coa relativa suspensión das lecturas prescritivas sobre a presenza e os efectos do ensino.