Conferencia de Víctor Bargiela no ILG

Data inicio: 
Tuesday, April 30, 2024 - 13:00
Poster: 
Descrición: 

O investigador visitante no ILG Víctor Bargiela Zotes, da UNED, ofreceu o 30 de abril a conferencia Primeiras aproximacións ao estudo sociofonético da entoación nas Rías Baixas e na Costa da Morte na nosa sala de divulgación. A partir dos datos obtidos dunha vintena de participantes, Bargiela presentou de modo xeral as primeiras aproximacións ao estudo do cambio en curso na entoación das preguntas absolutas dos territorios que tradicionalmente amosaron un padrón diferente ao común do galego para este tipo de enunciados: a ría de Vigo e a Costa da Morte. Ademais, ofreceu algunhas pinceladas sobre as percepcións do cambio lingüístico e as ideoloxías respecto da lingua estándar dos participantes.

Por outra parte, tamén presentou a metodoloxía empregada para a obtención dos datos, que consta dun corpus de fala lida, dunha actividade que favorece a aparición de preguntas absolutas semiespontáneas nun contexto máis informal, dun cuestionario sociolingüístico e dunha entrevista en profundidade que procura coñecer as ideoloxías dos participantes respecto ás linguas estándar (galega e española) e respecto ao cambio lingüístico nas dúas linguas.