Congreso Internacional 1950-2010: seis décadas de literatura e sociedade en Galiza
Como acontece con calquera exercicio para a organización das repeticións e transformacións coas que convivimos ou das que tivemos noticia, este congreso parte da proposta duns límites temporais establecidos entre 1950 e 2010. Uns límites que poden explicarse en relación coas seis décadas que van dende a fundación da Editorial Galaxia ata o fondo repensamento do ciclo histórico ao que esta concorreu, repensamento facilitado pola dedicatoria do Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro, grande ideólogo do grupo. Poden explicarse, tamén, a través das seis décadas que van dende a morte no exilio porteño do gran mártir da cultura nacionalista contemporánea, Castelao, ata o final do ciclo 2005-2009, en que o paso do nacionalismo polo goberno galego supuxo un intento de reformulación das políticas culturais exercidas dende as administracións, dinámica á que non foi alleo o campo literario. Tamén poden explicarse estes límites temporais aludindo ás seis décadas que van dende que Isaac Díaz Pardo entrara en contacto co exilio republicano a través da súa exposición de 1951 na porteña Galería Velázquez ata a súa expulsión, en 2010, das institucións que Luís Seoane e el crearan para a refracción da voz exílica á Galiza ibérica, na procura dunha modernización e internacionalización da cultura galega.
Propóñense daquela uns límites temporais forzosamente artificiais, provisorios, para, dentro deles, concentrarmos as nosas olladas na interpenetración entre a sociedade galega e un emerxente campo literario que foi escenario de produción, reprodución e crítica de textos, ademais de procesos de debate e loita por impoñer (ou destituír) formas hexemónicas de escribir. Nas décadas atendidas polo congreso, o campo literario galego foi escenario de dinámicas entre as que se inclúen a utilización da literatura como espazo posible para elusivas formulacións políticas en tempos de ditadura, as tensións entre a procura da autonomía estética e a configuración dun emerxente mercado editorial, a consolidación do campo literario como espazo protagonista no reartellamento de memorias longamente canceladas, as tensións de axentes fronte a intentos de acción heterónoma no campo literario por parte dos xestores dunha emerxente institucionalidade política e cultural ou a contribución da literatura aos procesos de artellamento e visibilización de novas identidades de xénero, clase, xeracionais etc. Tendo presente o exposto, convídase ao envío de comunicacións sobre temas que poden incluír tanto os que a seguir se enumeran coma outros que puideran dialogar cos obxectivos do congreso:
-
Estudos literarios e procesos canonizadores
-
Literatura e mercado
-
Tradución e circulación internacional de ideas
-
Criterio filolóxico, norma lingüística e campo literario
-
A censura como axente configurador no período 1950-1975
-
Grupos literarios, artísticos e outras estratexias de intervención no campo literario
-
Literatura e xénero
-
Memoria e representación, na literatura e no cinema
-
Literatura, artes visuais e debates estético-políticos
-
Literatura e historia das ideas
-
Estéticas da disidencia política
-
Diálogo internacional e autonomía estética
-
Visións comparativas: literatura, cultura e sociedade noutros campos literarios