III Faladoiro con Laura Lesta García

O 25 de marzo tivo lugar o III Faladoiro con Laura Lesta García, do Middlebury College (Vermont, EE.UU.), organizado pola Comisión de Xénero e Igualdade do Instituto da Lingua Galega. Lesta investiga sobre o humor e a súa relación coa historia e os procesos de formación nacional e identitaria na Península Ibérica, especialmente en Galicia. De feito, durante a estadía que realizou durante un ano no noso centro, estivo a traballar na súa monografía, cuxo título provisional é Tes moita retranca: Humor, History, and Identity in Galicia.
Na conversa que mantivo co persoal do ILG e a xente que se quixo achegar a escoitala, a investigadora falou das súas referentes a nivel académico, dos motivos que a levaron a decidirse a facer unha carreira investigadora nos Estados Unidos ou de como é ser muller galega na academia americana. Lesta sinalou que todas as mulleres investigadoras teñen que enfrontarse á síndrome da impostora, a non sentirse preparadas e a ter que loitar por ocupar espazos tradicionalmente masculinos.
Por outra parte, destacou a importancia dos autocoidados e da saúde mental e da influencia do persoal no profesional. "Estar ben tamén é un acto de responsabilidade colectiva", sinalou Lesta para rematar a interesante conversa dunha nova edición do Ciclo de Conversas coas Mulleres do ILG.




