A USC e Política Lingüística renovan a súa colaboración para dar continuidade ao labor investigador do ILG

Data inicio: 
Sunday, June 6, 2010 - 01:30
Descrición: 

A USC e a secretaría xeral de Política Lingüística acaban de dar continuidade ao convenio de colaboración que, de xeito ininterrompido dende o ano 1994, apoia o labor investigador desenvolvido polo Instituto da Lingua Galega da institución académica compostelá (ILG). O acordo quedou formalizado nun acto no que interviñeron o reitor da USC, Senén Barro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo M. Lorenzo, que estiveron acompañados pola director do ILG, Rosario Álvarez.

Deste xeito, a USC continuará a traballar a través do ILG na elaboración do novos volumes do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) e paralelamente coa corrección e mantemento da base de datos informática dos materiais extraídos dos seus cuestionarios. Tamén se concluirá o traballo de preparación de materiais do ALGa para incorporar á páxina web do ILG. Neste senso, tanto o ficheiro lexicográfico como os cadernos do Atlas son na actualidade unha fonte de información imprescindible para calquera traballo sobre gramática e léxico.

Durante este ano rematarase ademais o volume correspondente a Ser humano II e continuarase coa elaboración dos seguintes volumes correspondentes á parte de léxico e cos traballos de corrección e mantemento da base de datos informática.

En virtude deste mesmo convenio, a universidade compostelá continuará coa elaboración e actualización da base de datos lexicográfica e ao mantemento do Tesouro Informatizado da Lingua Galega. Así, durante este ano, se prevén incorporar novos textos á base, ao redor de 650.000 palabras, e rematar a transferencia á linguaxe XML dos arquivos textuais, complementando o conxunto co deseño de novas aplicacións de busca para axilizar as consultas realizadas a través da páxina web.

Ata o momento, o ILG xa ten realizada a recolleita dun corpus lexicográfico, para a elaboración dun dicionario galego, procedente do baleirado de textos galegos de máis de 1.000 obras producidas dende a etapa do pre-Rexurdimento ata a actualidade. A base de datos xerada aproxímase aos trece millóns de rexistros.

A transición e edición dos documentos galegos da colección diplomática Santa María de Oia, a elaboración e desenvolvemento do Xelmírez: Corpus romance da Galicia medieval e o mantemento do Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega, son outros dos cometidos asignados ao ILG no documento subscrito este xoves en San Xerome.

Ao amparo do convenio tamén se contempla continuar incrementando a base textual coa incorporación de novas obras e coleccións documentais. Estes traballos consistirán na revisión, corrección, análise onomástica, análise gramatical das locucións e etiquetaxe de obras romances da Galicia medieval que quedaron pendentes de 2008; o inserimento de obras, maiormente notariais que foron aparecendo recentemente; e o axeitamento dos textos aos estándares do procesamento informática na rede.

A USC tamén dará un novo paso no desenvolvemento do Arquivo do Galego Oral coa clasificación temática do material recollido e coa implementación dunha ferramenta para ter acceso a través da web a unha escolma do textos do arquivo.