Contacto de linguas, hibrididade, cambio

Data: 
Friday, November 22, 2013 - 13:00
Imaxe: 

O Instituto da Lingua Galega, en colaboración co Consello da Cultura Galega, acaba de publicar a obra Contacto de linguas, hibrididade, cambio: contextos, procesos e consecuencias. Este volume, editado por Eva Gugenberger, Henrique Monteagudo e Gabriel Rei-Doval, propón ofrecer visións innovadoras sobre o contacto lingüístico galego-castelán alén dos paradigmas lingüísticos tradicionais, e presenta olladas relevantes sobre o contacto desde a perspectiva do portugués, tanto europeo como brasileiro.

O libro conta cunha ducia de traballos, cuxo centro de atención recae nas prácticas lingüísticas cotiás dos falantes, nas distintas variedades discursivas da oralidade e asemade nos propios sistemas lingüísticos, especialmente o galego, así como nos procesos de estandarización e mailas actitudes puristas a eles asociadas. Igualmente, préstase especial atención aos contextos de fronteira, vistos en canto áreas de transición e tamén no marco de procesos dinámicos de marcación de diferenzas.