XXIX Edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas
Do 1 ao 22 de xullo desenvolverase en Santiago de Compostela a XXIX Edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras". Estes cursos, que se veñen celebrando desde o verán de 1988, están dirixidos a persoas de fóra de Galicia interesadas na lingua, na literatura e na cultura galegas.
Os cursos organizaranse en tres niveis: nivel elemental, nivel medio e curso superior de lingüística e de literatura galegas. Ademais das clases de lingua, están programadas actividades de ampliación cultural, que consistirán fundamentalmente en conferencias sobre literatura, historia e outros eidos da realidade sociocultural de Galicia, así como visitas a lugares de interese natural e histórico de Galicia.
Enderezo electrónico para contactar coa secretaría dos cursos: cursos@academia.gal.