A lingua das novas xeracións: competencia, cambio lingüístico, actitudes, mantemento e transmisión da lingua

Descrición: 

A finalidade deste proxecto é afondar nas características da lingua da mocidade galega, desde perspectivas diferentes e complementarias: a competencia, especialmente na destreza da escritura, o cambio lingüístico, sobre todo desde o punto de vista dos efectos do contacto lingüístico, as actitudes, así como a muda de lingua, no marco dos procesos de mantemento, transmisión e muda nas familias galegas. De acordo con estas perspectivas, o proxecto articúlase en tres liñas de investigación:

Liña 1: Análise da competencia escrita en lingua galega do estudantado de 2º de Bacharelato

Investigadora responsable: María Álvarez de la Granja

Este proxecto ten por obxectivo contribuír ao coñecemento das características da competencia escrita en lingua galega do alumnado de 2º de Bacharelato de Galicia. A tal fin continuaremos traballando na elaboración do corpus CORTEGAL, que comezou a desenvolverse no Instituto da Lingua Galega no marco do proxecto "Corpus para a análise das dificultades na produción escrita en lingua galega", así como na análise dos textos nel contidos desde diversas perspectivas.

Liña 2: Contacto lingüístico, cambio e identidade

Investigador responsable: Xosé Luís Regueira Fernández

No seo do ILG iniciouse nos últimos anos unha liña de investigación sobre os efectos do contacto lingüístico, maiormente co español mais tamén co portugués (a través da incorporación de elementos gramaticais e léxicos do estándar portugués, algúns integrados tamén no estándar oficial do galego), así como sobre os cambios lingüísticos que se están a producir nos tempos recentes, sobre todo entre os falantes máis novos. Neste proxecto pretendemos comprender as dinámicas (socio)lingüísticas que se están a desenvolver na sociedade galega actual. Atenderemos esencialmente ás construcións identitarias na interacción a través das redes sociais e ás ideoloxías lingüísticas que operan na sociedade actual en volta do monolingüismo, do bilingüismo e do multilingüismo.

Liña 3: A lingua das familias: mantemento, transmisión e cambio de lingua ao longo de tres xeracións

Investigador responsable: Henrique Monteagudo

Este proxecto ten por obxectivo contribuír ao coñecemento dos procesos de mantemento, transmisión e cambio de lingua nas familias galegas. Para tal fin, partiremos da análise dun corpus de aproximadamente cincocentos historiais sociolingüísticos de familias, estudadas ao longo de tres xeracións. Estes historiais foron realizados desde o ano 2005 por estudantes de Sociolingüística Galega, segundo un modelo fornecido polo profesor, a partir de entrevistas con varios membros de cada unidade familiar pertencentes a tres xeracións sucesivas. Inclúen información sobre a lingua inicial e o repertorio de competencias e usos lingüísticos de varios membros da familia, así como exploración das actitudes e narracións autobiográficas, ademais de información de carácter social: entre outros, sobre xénero e idade, residencia e traslados –incluíndo emigracións e retorno–, estudos / profesión ou matrimonio.

Imaxe: 
Execution date: 
2021 to 2024
Funded by: 
Convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia