Congreso Internacional 1950-2010: seis décadas de literatura e sociedade en Galiza

Data de inicio: 
Thursday, June 19, 2025 - 09:30
Data de fin: 
Friday, June 20, 2025 - 20:00

Como acontece con calquera exercicio para a organización das repeticións e transformacións coas que convivimos ou das que tivemos noticia, este congreso parte da proposta duns límites temporais establecidos entre 1950 e 2010. Uns límites que poden explicarse en relación coas seis décadas que van dende a fundación da Editorial Galaxia ata o fondo repensamento do ciclo histórico ao que esta concorreu, repensamento facilitado pola dedicatoria do Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro, grande ideólogo do grupo. Poden explicarse, tamén, a través das seis décadas que van dende a morte no exilio porteño do gran mártir da cultura nacionalista contemporánea, Castelao, ata o final do ciclo 2005-2009, en que o paso do nacionalismo polo goberno galego supuxo un intento de reformulación das políticas culturais exercidas dende as administracións, dinámica á que non foi alleo o campo literario. Tamén poden explicarse estes límites temporais aludindo ás seis décadas que van dende que Isaac Díaz Pardo entrara en contacto co exilio republicano a través da súa exposición de 1951 na porteña Galería Velázquez ata a súa expulsión, en 2010, das institucións que Luís Seoane e el crearan para a refracción da voz exílica á Galiza ibérica, na procura dunha modernización e internacionalización da cultura galega.

Propóñense daquela uns límites temporais forzosamente artificiais, provisorios, para, dentro deles, concentrarmos as nosas olladas na interpenetración entre a sociedade galega e un emerxente campo literario que foi escenario de produción, reprodución e crítica de textos, ademais de procesos de debate e loita por impoñer (ou destituír) formas hexemónicas de escribir. Nas décadas atendidas polo congreso, o campo literario galego foi escenario de dinámicas entre as que se inclúen a utilización da literatura como espazo posible para elusivas formulacións políticas en tempos de ditadura, as tensións entre a procura da autonomía estética e a configuración dun emerxente mercado editorial, a consolidación do campo literario como espazo protagonista no reartellamento de memorias longamente canceladas, as tensións de axentes fronte a intentos de acción heterónoma no campo literario por parte dos xestores dunha emerxente institucionalidade política e cultural ou a contribución da literatura aos procesos de artellamento e visibilización de novas identidades de xénero, clase, xeracionais etc. Tendo presente o exposto, convídase ao envío de comunicacións sobre temas que poden incluír tanto os que a seguir se enumeran coma outros que puideran dialogar cos obxectivos do congreso:

  • Estudos literarios e procesos canonizadores
  • Literatura e mercado
  • Tradución e circulación internacional de ideas
  • Criterio filolóxico, norma lingüística e campo literario
  • A censura como axente configurador no período 1950-1975
  • Grupos literarios, artísticos e outras estratexias de intervención no campo literario
  • Literatura e xénero
  • Memoria e representación, na literatura e no cinema
  • Literatura, artes visuais e debates estético-políticos
  • Literatura e historia das ideas
  • Estéticas da disidencia política
  • Diálogo internacional e autonomía estética
  • Visións comparativas: literatura, cultura e sociedade noutros campos literarios

Sección

Cronograma
Envío de propostas: ata o 28 de febreiro de 2025
Comunicación da aceptación de propostas: 14 de marzo de 2025
Inscrición: 17 de marzo - 4 de abril
Congreso: 19 e 20 de xuño de 2025
Submisións

Modalidades de participación

a) Envío de proposta individual para unha comunicación de 20 minutos.
b) Envío de proposta de mesa, que pode consistir en
1. mesa con tres comunicacións de 20 minutos (60 minutos + debate),
2. mesa con dúas comunicacións de 30 minutos (60 minutos + debate).

formulario de proposta individual e o de proposta de mesa téñense que enviar ao enderezo congreso.literatura.sociedade@usc.gal ata o 28 de febreiro de 2025.

As linguas aceptadas son galego, portugués, castelán e inglés.