Acto de ingreso na RAG de Ernesto González Seoane

Data: 
Saturday, October 3, 2026 - 12:00
Imaxe: 
O investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG) Ernesto González Seoane ingresará como académico de número na Real Academia Galega (RAG) o vindeiro sábado 3 de outubro. O acto oficial terá lugar, ás 12:00 horas, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), espazo onde o catedrático pronunciará o discurso "Reflexións arredor da prescrición e a descrición no dicionario (académico)". O académico Antón Santamarina, tamén membro do noso centro, será o encargado de darlle a réplica en nome da institución.
 
González Seoane, membro correspondente da RAG e do seu Seminario de Gramática desde 2004, cubrirá a vacante producida polo pasamento do escritor Bernardino Graña. A lexicografía, a estandarización do galego e mais a explotación dos corpus lingüísticos nos últimos anos son os tres campos que centran o seu labor investigador, vinculado sempre ao ILG, institución que dirixiu entre 2013 e 2018.

Entre os seus traballos lingüísticos, destacan a coordinación do Dicionario de dicionarios do galego medieval (2006) e a coedición de obras colectivas como A estandarización do léxico (2003), A lexicografía galega moderna. Recursos e perspectivas (2008), Lexicografía de las lenguas románicas (2014), Léxico dialectal y lexicografía en la Iberorromania (2018), Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna (2020) ou Manual of Galician Linguistics (2025).

O desenvolvemento de diversas ferramentas con corpus do galego moderno e contemporáneo é outro dos campos centrais do seu currículo. Foi director da versión 4.1 do Tesouro Informatizado da Lingua Galega; codirixiu Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna e CORTEGAL. Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico, e integrou o equipo do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués e do Patrimonio léxico da Gallaecia.

Como dicionarista, formou parte dos equipos dos primeiros dicionarios e vocabularios terminolóxicos que se publicaron tras a entrada en vigor da Lei de Normalización Lingüística (1983), como o Dicionario normativo galego-castelán (1988) e o Dicionario escolar galego (1989), da editorial Galaxia, e mais o Léxico da administración castelán-galego, editado pola RAG en 1991.