Ana Boullón e Luz Méndez dan ao prelo dúas novas publicacións

Data: 
Wednesday, February 1, 2023 - 17:15
Imaxe: 

Ana Boullón e Luz Méndez son as editoras de Os camiños de Santiago de Europa a Galicia: Lugares, nomes e patrimonio e Estudos de Onomástica Galega VII. A onomástica literaria. Xornada de estudo. Pontevedra, 15 de outubro de 2022, ambas as obras publicadas pola Real Academia Galega.

O primeiro volume reúne case trinta traballos sobre os nomes de lugar das rutas xacobeas de investigadores e investigadoras de diversas universidades europeas. Os camiños de Santiago, de Europa a Galicia. Lugares, nomes e patrimonio recolle as reflexións expostas no congreso internacional sobre esta temática que a RAG organizou o pasado mes de setembro en Santiago de Compostela. As achegas parten de distintas zonas xeográficas, diversos períodos cronolóxicos, de material literario ou de documentacións históricas, e comparten unha consciencia común da importancia da toponimia como parte do patrimonio inmaterial.

A onomástica literaria recolle nove traballos que estudan a función e a significación dos nomes propios na literatura, campo pouco explorado no ámbito galego, pese ao gran rendemento que moitos dos nosos escritores e escritoras lle teñen tirado.