Entrevista a Rosario Álvarez Blanco, directora do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago

Data: 
Saturday, October 6, 2007 - 01:15
Imaxe: 

"A ampliación do abano lingüístico debería ser beneficiosa para o galego"

  • Ignacio Rodríguez

A profesora de Filoloxía Galega e directora do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago, Rosario Álvarez Blanco, subliña deseguido que o galego experimentou unha salientable mellora na institución académica no último cuarto de século

É o galego a lingua da USC?
Por suposto que o galego é a lingua da Universidade de Santiago de Compostela, aínda que non todos a practiquen.

Podería falarse dunha situación lingüística plenamente normalizada no edio da USC?
No conxunto da Universidade non se pode falar de consolidación, aínda que isto é algo no que se avanzou moito nas últimas décadas. Cando rematei a carreira, no ano 1974, había grupos de estudantes que conversaban e falaban en galego, pero esta lingua estaba ausente na vida académica. Nos oitenta, a defensa dunha tese de doutoramente en galego víase como algo excepcional, pero agora todo isto xa é normal.

Como explica vostede que o galego sexa a lingua de referencia dos PAS e non acade esta condición entre os outros colectivos da Universidade?
O personal de administración e servizos (PAS) fixo un esforzo extraordinario ao asumir que tiña que aprender o rexistro escrito da lingua galega e que tiña que variar os seus hábitos de comunicación. Os docentes esforzáronse moito menos, non sei se por falta de interese ou de incentivos suficientes ou por cuestións referidas á dificulatde da obtención de recursos docentes e de investigación. Sobre o estudantado non teño datos, pero o certo é que os alumnos non falan moito galego.

O ILG comezou a súa andaina a comezos da pasada década dos setenta. Que suliñaría da laboura feita por este instituto ao longo destes anos?
A contribución do ILG á normalización do galego, un proceso que sería inviable sen este instituto, que participou activamente na súa redacción e logo na súa divulgación. O ILG tamén contribuíu a que o galego acadara unha maior presenza internacional e, de feito, o noso idioma está hoxe presente en todos os foros internacionais.

Cre que aínda persisten certos prexuizos respecto do galego?
Penso que si, posto que sempre hai certos prexuizos respecto de calquera lingua. Aínda así, teño que dicir que algúns dos prexuizos más menospreciativos co galego xa mudaron neste tempo e cada vez son menos as persoas que vencellan a lingua galega con esas consideracións. Prexuizos hainos, pero coido que non son tan pexorativos, aínda que tamén molestan o seu.

O ILG e o Consello da Cultura veñen de publicar a obra `Lingua e Territorio'. A existencia de múltiples variedades xeolingüísticas beneficia ou perxudica a xeneralización da nosa lingua, neste caso, o galego?
Sempre beneficia, pois so as linguas vivas teñen variacións territoriais, xa que é unha condición inherente destas linguas. Como anécdota, coméntolle que O ILG recolle de xeito sistemático a lingua que fala a xente e que muda en función do tempo e do lugar.

Como lingüista, que valores pensa vostede que levan ao emprego predominante dunha lingua sobre outra nun mesmo territorio?
É moi difícil concretar esta resposta, pois hai moitos factores que inciden directamente neste feito. Sen embargo, sinalaría dous elementos determinantes: o lugar de instalación ou comunidade na que se desenvolve o individuo de xeito máis habitual e o compoñente ideolóxico que fai que unha persoa se decante por empregar a lingua que máis o identifica co lugar ao que pertence.

Entende que o futuro dun idioma está garantido coa posta en marcha de campañas de sensibilización social?
Penso que estas iniciativas poden ser efectivas e positivas se contribúen a cambiar as opinións sesgadas que existen sobre a lingua. É máis, todo o que axude a mellorar a concepción do galego será benvido, pero tamén creo que este tipo de campañas promocionais son insuficientes para garantir o futuro do galego.

Coida que as políticas encamiñadas a potenciar a aprendizaxe doutras linguas estranxeiras pode mermar as expectativas de éxito do galego no eido educativo?
Sinceramente, penso que aprender linguas é algo positivo en si mesmo, posto que os anos de escolaridade en linguas extranxeiras que levamos ata o de agora foron un auténtico desastre no que a rendemento se refire se nos comparamos cos países do noso entorno. A ampliación do abano lingüístico debería beneficiar o galego, pois de todos é sabido que o individuo plurilingüe é o que ten máis posibilidades:

Sospeita que a implantación das directrices que rexerán o espazo europeo de ensino superior restrinxirá a aprendizaxe e o estudo das linguas minoritarias?
Non debería ser así, pero... O espazo europeo de educación superior é unha realidade coa que xa temos que contar e non tería que afectar ao galego, pero a verdade é que vexo esta transformación con certa preocupación.

Xa no eido político, cre que a aprobación dun novo Estatuto de Galicia reforzará a presenza e o uso do galego nas relacións sociais?
Iso depende de como sexa o novo texto estatutario. Aínda así, espero que se sae adiante a reforma do Estatuto sirva para gañarmos en autogoberno e tamén para ben do noso idioma. Son das pesoas que pensa que a aprobación dun novo Estatuto de Galicia será un paso adiante que dará mellores expectativas aos galegos e a nosa lingua.

O proceso de normalización lingüística do galego está a deparar cambios constantes, por que?
No paso dunha vida parece que os cambios que experimenta o idioma son demasiado, pero a estandarización das linguas que nos rodean depararon transformacións moito máis bruscas. Os últimos cambios de normativa supoñen un xeneroso intento dos seus promotores de sumar a todos os críticos a unha norma común para todos.

E tanto cambio non pode xerar certo desánimo á hora de intentar escribir en galego?
Confío moito na capacidade da sociedade e no seu compromiso co idioma como para que se desanime con tan pouca cousa, posto que os cambios son pequenos.

Xa para rematar e sen esquecer a súa condición de académica, por que hai tan poucas mulleres na Real Academia Galega?
Na Real Academia Galega hai trinta postos e so catro están ocupados por mulleres. É certo que somos poucas, pero tamén podo dicir que non estamos consideradas como froreiros. Penso que esta situación é algo que se arrastra de tempos atrás, pero que está a mudar.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 21 de febreiro de 2007