Libro sobre a lingua de Viana do Bolo

Data: 
Friday, May 12, 2023 - 13:45
Imaxe: 

A colaboradora do ILG Concepción Álvarez Pousa acaba de dar ao prelo o libro A lingua de Viana do Bolo. Descrición e textos, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.

O volume trata de achegar un coñecemento sistematizado sobre as características lingüísticas deste concello ourensán situado nun enclave lingüístico singular a carón das Portelas (Zamora) e relativamente próximo ao Bierzo (León). A obra iníciase cunhas notas sobre a comarca da Terra de Viana e a historia, a sociedade e a situación sociolingüística de Viana do Bolo, seguido de capítulos sobre o bloque oriental na dialectoloxía galega e sobre Laureano Prieto, pioneiro no estudo do vianés. A continuar faise unha descrición da variedade vianesa tendo en conta fenómenos fonéticos, morfolóxicos e sintácticos, seguida dun estudo do cambio lingüístico a partir de variables deses fenómenos e dalgúns termos léxicos. Asemade, sinálanse as características lingüísticas comúns co galego das Portelas (Zamora), do Bierzo (León) e do valego (Cáceres); e no caso do léxico ofrécense 50 termos, uns propiamente vianeses, outros compartidos co galego común, pero cun matiz especificamente vianés e común en varios casos co galego zamorano, berciano e valego. A obra complétase cunha escolma de 25 etnotextos, correspondentes a 25 parroquias vianesas, nas voces das persoas informantes.