Membros do ILG organizan tres cursos da Universidade de Verán da USC

Data: 
Wednesday, May 22, 2024 - 18:30
Imaxe: 

Desde o 15 de maio encóntrase aberto o prazo para inscribirse nos cursos ofertados pola Escola de Verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC), entre os que se encontran tres dirixidos por membros do ILG.

O primeiro deles, A lingua galega no século XXI: desafíos e fronteiras, terá lugar no Concello de Ribeira do 8 ao 10 de xullo, baixo a dirección de Xosé Luís Regueira e Henrique Monteagudo. Neste curso preténdense analizar algúns dos desafíos máis relevantes que debe enfrontar a lingua galega na actualidade e no futuro próximo, como a transmisión interxeracional, o perigo da extinción dixital e a situación creada pola presenza de poboacións migrantes con diferentes linguas e culturas. Ademais de describir a situación actual, o foco do curso estará na discusión das necesidades e nas estratexias para poder atendelas.

Do 15 ao 16 de xullo desenvolverase na Facultade de Xeografía e Historia da USC o curso Arquivos, museos, lugares e xente: fontes para a ensinanza en humanidades, dirixido polo investigador do ILG Pablo García Martínez xunto á investigadora da Facultade de Xeografía e Historia Daniela Ferrández. O curso, destinado ao estudantado de grao e posgrao da USC así como ao profesorado de ensino medio, procura a posta en valor de arquivos non canónicos (pensados nun senso amplo no que respecta á súa materialidade), que poidan servir para a renovación e o enriquecemento das achegas á ensinanza en humanidades.

Finalmente, do 15 ao 18 de xullo realizarase na Facultade de Filoloxía da USC o curso Humanidades Dixitais: recursos, ferramentas e servizos, baixo a dirección de María Álvarez de la Granja e Elisa Fernández Rei. O obxectivo é proporcionarlle ao alumnado os contidos e competencias necesarios para a posta en marcha ou para a participación en proxectos de innovación dixital no ámbito das Humanidades e das Ciencias Sociais. Asemade, permitiralle achegarse a diferentes proxectos de Humanidades Dixitais, particularmente os desenvolvidos en Galicia, así como coñecer as infraestruturas dixitais de investigación DARIAH e CLARIN.

O prazo de matrícula para o primeiro deles remata o 28 de xuño e o 5 de xullo nos outros dous casos. O número de prazas está limitado a 40, agás no curso sobre Humanidades Dixitais.