Miguel García Fernández e Ricardo Pichel editan unha obra sobre San Paio de Antealtares

Data: 
Monday, March 4, 2024 - 01:15
Imaxe: 

Os colaboradores do ILG Miguel García-Fernández, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC, Xunta de Galicia), e Ricardo Pichel, da Universidade de Alcalá de Henares, son os editores da obra Desde San Paio de Antealtares. Historia, patrimonio e vida monástica, coeditada polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora.

Este volume reúne os traballos de doce investigadores e investigadoras arredor do mosteiro de San Paio de Antealtares, así como dalgúns dos seus priorados e doutras comunidades monásticas relacionadas con Antealtares, histórico centro relixioso que, fundado no século IX, naceu ao mesmo tempo que a propia cidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, outros traballos céntranse na historia e documentación dalgúns dos priorados de Antealtares, que foran mosteiros medievais femininos, como San Salvador de Sobrado de Trives, ou sobre outras comunidades relixiosas e prácticas relixiosas e espirituais da Idade Media e a Idade Moderna.

Esta obra xorde como unha homenaxe colectiva dos editores e autores á propia comunidade de San Paio de Antealtares e, principalmente, a quen foi a súa arquiveira durante moitos anos, sor Mercedes (María Mercedes Buján Rodríguez), responsable, en boa medida, da catalogación, conservación e apertura á comunidade investigadora do arquivo monástico de Antealtares.