Ponse en marcha a Colección Limiar do ILG

Data: 
Wednesday, November 26, 2014 - 21:00
Imaxe: 

A Colección Limiar é unha iniciativa do Instituto da Lingua Galega (ILG) que xorde coa vontade de consolidarse como vía de difusión en soporte dixital para aquelas monografías orixinais que estean centradas nalgún aspecto directamente relacionado coa lingüística e a filoloxía galegas.

Esta colección está dirixida por Ernesto González Seoane, director do ILG, e conta coa participación de representantes de diversas universidades do ámbito galego, nacional e internacional. O seu espazo ofrécese de maneira preferente a investigadores novos, co fin de que poidan canalizar a través dela publicacións derivadas dos seus traballos académicos de iniciación no ámbito da investigación.

Os orixinais que se presenten para formar parte da Colección Limiar serán sometidos a senllos exames anónimos por parte de dous avaliadores externos, e só serán publicados en caso de que ambos os informes sexan favorables. As linguas de publicación son galego, portugués, catalán, español, francés, inglés e italiano. Os orixinais deben ter unha extensión de entre 20 000 e 50 000 palabras.