Visita do alumnado do CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel

O 26 de marzo recibimos a visita de alumnado de primaria e de secundaria do CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel, que puido coñecer a través das probas da nosa xincana algúns dos proxectos desenvoltos no Instituto da Lingua Galega relacionados coa dialectoloxía, a lexicografía, a onomástica, o galego medieval, as tecnoloxías da fala... As rapazas e rapaces foron recibidos pola directora do centro, Elisa Fernández Rei, e foron guiados nas probas polo persoal investigador do Instituto.
Este centro de ensino está ademais a participar no noso programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, integrado no Plan Proxecta+ da Xunta de Galicia, e está a realizar un gran labor na recolla do léxico tradicional do Courel mediante a realización de enquisas a toda a veciñanza.
O ILG está aberto á recepción de centros de ensino que queiran coñecer o traballo de investigación que se leva a cabo e os recursos derivados deste labor. O profesorado interesado en marcar unha visita só ten que encher o formulario que se encontra na nosa web.




