Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional

Portada: 
Autor: 
María Álvarez de la Granja / Marta Negro Romero (eds.)
ISBN: 
978-84-17802-49-3
Editoriais: 
Consello da Cultura Galega
Páxinas: 
272
Data de publicación: 
2022
Descrición: 

O obxectivo deste volume é conxugar a investigación sobre a variación léxica coa presentación de proxectos educativos centrados na recolleita de vocabulario tradicional, para deste xeito achegarnos desde unha dobre perspectiva ao patrimonio léxico da antiga Gallaecia.

En primeiro lugar, ofrécese un conxunto de estudos que mostran non só a existencia dun gran patrimonio léxico vivo, cunha riqueza ás veces insospeitada ao quedar boa parte do vocabulario fóra dos dicionarios e da tradición escrita, senón tamén o interese deste patrimonio lingüístico para coñecer tanto a historia coma o presente da lingua e do territorio. En segundo lugar, preséntase un feixe de experiencias didácticas en volta da recolleita de léxico patrimonial. Quixemos neste volume darlles voz ao profesorado, así como ás persoas responsables dos programas educativos que fomentan o coñecemento e, con el, o interese polo patrimonio material e inmaterial, para relataren as súas experiencias, as súas metodoloxías e os seus resultados.

O conxunto de contribucións que conforman o libro aspira non só a acrecentar o coñecemento sobre a variación léxica no galego e no portugués e a dar noticia dalgúns programas educativos e dalgúns proxectos levados a cabo en centros de ensino a un e outro lado da fronteira, senón tamén a estimular a realización doutros estudos e a posta en marcha de novas experiencias didácticas en volta da lingua, do patrimonio e do coñecemento tradicional.