Presentouse en Filoloxía o 'Manual of Galician Linguistics'

Data: 
Miércoles, Abril 9, 2025 - 13:30
Imaxe: 

O pasado 3 de abril tivo lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a presentación da obra Manual of Galician Linguistics, publicada por De Gruyter. No acto interviñeron Xulio Sousa e Ernesto González Seoane, editores do volume, e Víctor Longa, profesor da Facultade de Filoloxía.

Longa destacou que este manual é unha voz potente que vai permitir acceder aos trazos principais do galego e vai ser unha referencia para o seu estudo a nivel internacional. Tamén falou da importancia de estudar as linguas minorizadas, xa que poden axudar a mudar as grandes teorías lingüísticas por posuír nalgúns casos estruturas únicas que ofrecen novas perspectivas para o entendemento da linguaxe.

Pola súa parte, González Seoane centrouse na súa presentación na historia curta e irregular da investigación lingüística sobre o galego e Sousa explicou como xurdiu a idea da elaboración do manual, o cal forma parte dunha colección de manuais lingüísticos sobre as distintas variedades románicas editada por Günter Holtus e Fernando Sánchez-Miret.