Ana Boullón e Luz Méndez coordinan unha nova edición da 'Xornada de Onomástica Galega'
Data:
Sábado, Octubre 10, 2026 - 10:00
Imaxe:

A XI Xornada de Onomástica Galega abordará este sábado, 10 de outubro, o impacto que a acción humana e a transformación do territorio teñen sobre os nomes de lugar. O encontro, que sitúa este ano a súa mirada na relación directa entre a ecoloxía e a onomástica, terá lugar no salón de actos do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a partir das 10:00 horas.
A xornada, coordinada polos membros do Instituto da Lingua Galega Ana Boullón e Luz Méndez, está organizada polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG) coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o museo.
Un programa arredor do impacto humano na paisaxe
O programa contará na quenda de relatorios coa participación da académica Marilar Aleixandre, cunha intervención titulada “Os nomes arrepóñense”; o catedrático de Xeografía da USC Valerià Paül Carril, que pronunciará o relatorio “As comarcas na Galiza autonómica: entre a agonía e a resistencia”; o biólogo Miguel Á. Conde Teira, con “Unha viaxe toponímica no tempo en Posmarcos: de 1396 a 2013”; a profesora Andrea Santiso, que exporá unha intervención didáctica desenvolvida no IES Val do Asma (Chantada); e o arqueólogo, toponimista e profesional do audiovisual Lukas Santiago, que falará sobre a recuperación da toponimia de Lourizán. O público poderá así mesmo ver o seu documental Paraíso roubado, que lle porá o ramo á xornada, e que será presentado polo propio creador e polo presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa.
Renderáselle ademais homenaxe a Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada, 1953-Carballo, 2026) cunha lembranza a cargo do académico correspondente Xosé María Lema Suárez. O colaborador do Seminario de Onomástica Galega e membro do equipo directivo da Asociación Galega de Onomástica tiña previsto participar neste foro cunha charla sobre o impacto neste patrimonio inmaterial das areeiras da ría de Arousa.
Inscrición e seguimento en liña
A entrada ao salón de actos é libre ata completar a capacidade da sale e o evento pode seguirse en directo de forma telemática no web da RAG e na súa canle de YouTube.





