Ana Boullón, nova académica de número da RAG

Data: 
Lunes, Diciembre 13, 2021 - 12:30
Imaxe: 

A investigadora do ILG Ana Isabel Boullón Agrelo ingresou na Real Academia Galega o 11 de decembro tras a lectura do discurso Todos os nomes: identidade, pobo, país, título tomado da novela de José Saramago Todos os nomes, porque a historia do Nobel portugués –na que non se cita nome ningún agás o do seu protagonista, o do señor José, traballador do rexistro civil– «en certa maneira reflicte a situación de ocultación de nomes que afectou o noso país». A especialista en onomástica profundou na vertente lingüística e mais na dimensión social de nomes, apelidos e topónimos nun acto que se desenvolveu no Teatro Cine Elma da Pobra do Caramiñal, a súa localidade natal.

Ofrecemos aquí as palabras de peche do seu discurso:

"Eu non son ourive da linguaxe, coma estes magníficos poetas mencionados, pero creo que cada un de nós somos quen de crearmos a nosa biografía xeográfica, individual, familiar e colectiva, con nomes e apelidos, hipocorísticos, alcumes, formas de tratamento, topónimos, nomes comerciais, xentilicios festivos, zoónimos. É posible así representar o pasado compartido, as persoas, as paisaxes vividas. Permítanme aquí a licenza de elaborar un ensaio da miña infancia, neste lugar, a miña vila natal, onde estes nomes poden ser recoñecibles, recoñecidos.
 
O Castelo, O Caramiñal, o Estremo,
Santiños, doña Amparo, Anxelo,
o Grupo, o cine Elma, o Traspaso e o Gildo,
señora Matilde, mamá Carmen, o tío Pipa,
a Campecha, o Chuco, a Ghaitiña,
maleteiros, maghorrentos, os do sacho,
Deán, Sampedro, Bazarra, Ermo,
Montblanc, Keni, Quisquís, Pantera,
Pazos, As Furnas, O Pezocho, o río das Pedras,
Moldes, O Colo de Arca, A Misarela,
A Curota, A Aldea Vella, A Ghavoteira.
O mar de Arousa.
 
“As pedras sobre as pedras e sobre as pedras / un nome amado”, dicía Xela Arias. Un nome amado, vivido, sentido, lembrado, cen nomes, mil nomes, todos os nomes".