O investigador do ILG Gonzalo Hermo, gañador do Premio Nacional de Poesía Nova «Miguel Hernández»
O investigador do Instituto da Lingua Galega Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) foi galardoado co Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova «Miguel Hernández» polo seu libro de poemas Celebración, publicado pola editorial Apiario. Trátase da primeira vez en que unha obra escrita en galego recibe este recoñecemento.
O xurado elixiu a obra de Gonzalo Hermo como a gañadora ao salientar “a súa aposta por abrir novos camiños para a expresión poética, apuntando unha linguaxe arriscada e innovadora nun libro que trata sobre a memoria e o esquecemento, sobre a necesidade de construír sobre as ruínas, de romper o círculo e avanzar malia todo".
Este premio distingue a mellor obra de poesía publicada en 2014 por un autor menor de 31 anos en calquera das linguas oficiais españolas e está dotado con 20.000 euros. Cómpre destacar que Celebración xa recibira hai uns meses o Premio da Crítica en Galego.