Instituto da Lingua Galega-Universidade de Santiago de Compostela

Camisas de once balas. Dicionario de etimoloxías populares

Este dicionario, aberto a toda a cidadanía, recolle exemplos de palabras galegas que modifican a súa forma ou o seu significado para parecer máis lóxicas ou máis transparentes (de modo que a relación entre o significante e o significado resulte máis motivada), ou ben para aproximarse a outras formas xa coñecidas polas/os falantes. Se coñeces algún exemplo de etimoloxía popular e queres compartila,...
Ver descrición
alcipreste

Creado por admin o 14/11/2025 ás 13:24.

Significado

Árbore da familia das cupresáceas, moi alto, con follas de cor verde escura.

Imaxe
Forma orixinal

Ciprés.

Motivación do cambio

Vinculación coa palabra arcipreste (e coa súa variante alcipreste), que conteñen a secuencia <cipres>. Os arciprestes son eclesiásticos que exercen xurisdición sobre varias parroquias. Tradicionalmente os cipreses están ligados a camposantos, igrexas e lugares sagrados, o que supón un vínculo coa relixión. A cor escura das follas desta árbore tamén pode estar detrás da asociación.

Observacións

Existe tamén a variante arcipreste. Tanto alcipreste como arcipreste figuran no Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués (https://ilg.usc.es/tesouro/) co valor de ciprés. A forma alcipreste para designar a árbore é forma estándar, recollida no Dicionario da Real Academia Galega.

Instituto da Lingua Galega-Universidade de Santiago de Compostela. 2025. Camisas de once balas. Dicionario de etimoloxías populares. En Fernández Rei, Elisa & Álvarez de la Granja, María (coords.), Lingua viva. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. ilg.usc.gal/linguaviva [Consultado o 12/01/2026 ás 06:29].

Inicia sesión para deixar un comentario.

Comentarios