Do 16 ao 19 de xullo tivo lugar nas facultades de Filosofía e Filoloxía de Santiago de Compostela o curso de verán da USC Toponimia: interpretación e actuación. O curso contou cun número significativo de conferencias impartidas por socios da AGOn. É o caso de Gonzalo Navaza, Antón Palacio, Luz Méndez, Xesús Ferro, Antón Santamarina, Carlos Búa, Paulo Martínez Lema, Vicente Feijoo, Xosé Lois Vilar, Xulia Marqués e Marta Souto.

Ó acto de inauguración, celebrado o martes 16 na facultade de Filosofía, acudiron a directora do curso e socia fundadora da AGOn, Ana Boullón, o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, o director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González Seoane, o alcalde do concello de Rois, Ramón Tojo Lens, e o presidente da mancomunidade de municipios Arousa Norte e alcalde do concello de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez. Os concellos de Rois e Touro e a mancomunidade de municipios Arousa Norte (formada por Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira) financian axudas económicas para a recollida de microtoponimia destinadas a alumnos matriculados no curso.

O elevado número de asistentes, por riba dos setenta, demostra o interese que espertan os actos concibidos co fin de divulgar os estudos onomásticos e sensibilizar arredor da conservación e coidado do noso patrimonio toponímico. Durante o curso houbo unha asistencia continuada e suscitáronse debates arredor dos contidos expostos, enfocados fundamentalmente cara ó coñecemento científico da pescuda etimolóxica e mais ás posibilidades de normalización lingüística neste eido, tanto no marco municipal como nos centros educativos. Tívose en conta o fundamental carácter multidisciplinar da toponimia, e expuxéronse as súas relacións e implicacións coa xeografía, o marco xurídico, a arqueoloxía e paisaxe, e a literatura. Ademais, unha das pezas angulares foi a formación na recollida toponímica, obxecto dunha práctica de campo específica.

Ós alumnos da USC que participaron concedéronselles dous crédito de libre configuración, e ós profesores de ensino non universitario a homologación como curso de formación por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por 30 horas lectivas.


Acto de inauguración do curso de verán de toponimia

Público asistente ó acto de inauguración