O nove de marzo de 1695 naceu Pedro Joseph García Balboa, fillo de Alonso García, de Cerdedo (como Zerzedo, rexístrase na época) e Clara de Balboa Sarmiento. O apelativo familiar era Perucho. O seu primeiro apelido, García, é patronímico, hoxe o quinto en frecuencia en Galicia. Balboa (Valboa), o segundo, ten orixe toponímica: hai nove entidades de poboación en Galicia e dúas parroquias chamadas (A) Valboa, estas nos concellos de Monterroso e Trabada, e outro lugar e parroquia que conteñen a voz, Ferreirós de Valboa, en Becerreá. Tamén hai no Berzo leonés, de fala galega, un municipio chamado oficialmente Balboa (Valboa en galego).
Pedro García tomou para a vida monástica o nome de Martín Sarmiento, co nome de pía do santo do mosteiro en que profesou, en Madrid, e co segundo apelido da nai, Sarmiento, un sobrenome que datamos en Galicia por primeira vez coa forma galega Sarmento no século XIII, nun descendente da casa de Trastámara, territorio medieval do NO de Galicia.
Este sobrenome Sarmento, que sobreviviu ata o século XIX entre nós e que continúa en Portugal, provén da voz latina SARMENTUM ‘rebento da vide’ e quizais tivese o significado metafórico de ‘descendente’.
Frei Martín Sarmiento está considerado o pai dos estudos onomásticos en Galicia. (L.M.)
[Retrato de Frai Martín Sarmiento (José Vicente Cousiño, c. 1755-1772), exposto no Museo de Pontevedra]