Cacharenzo é un lugar da parroquia de San Paio de Bais, no concello de Agolada. Hoxe é topónimo único en Galicia, pero houbo en tempos outro lugar do mesmo nome agora deshabitado, na parroquia de Pombeiro, en Pantón, documentado como Cas Charenço no século XV e outro, tamén desaparecido e seguramente emparentado, grafado como Charenço no século XVI, en Ledesma, Boqueixón.
Estas dúas atestacións antigas dan luz sobre o étimo de Cacharenzo, que podería estar composto pola palabra casa, apocopada en cas, mais un nome persoal Flarentius ou, menos probablemente, Florentius.
Tamén cabe a posibilidade de que o primeiro elemento casa evolucionase a cacha, cousa frecuente na nosa toponimia, e que o segundo sexa o nome persoal latino Arentius.
Para saber máis deste e doutros topónimos do concello pontevedrés, pódese consultar Toponimia de Agolada, da colección Terra Nomeada, publicación da Asociación Galega de Onomástica e a Real Academia Galega. A descarga é gratuíta na páxina da RAG.