Xela é o hipocorístico de Anxela (e non Ánxela), forma tradicional galega do nome, datado en Galicia polo menos desde o século XVI.

Para o nome, proveniente do feminino do lat. ANGELUM esperariamos unha forma esdrúxula parella á do portugués Ângelo/Ângela pero, quizais pola frecuencia no galego do antigo sufixo diminutivo –elo/-ela, o nome sufriu un desprazamento acentual, que non sabemos cando se produciu pero que xa estaba consolidado na segunda metade do século XIX, como confirman estes versos de Añón e Rosalía.

Con que solás facía varios ramos / de froliñas do monte para Anxéla! / (este era o nome dela) / na cabeza poñíal(l)as en roda… / Oi, era un gusto máis graciosa velaq’unha novia no día da súa boda

Añón, 1845. “Recordos da Infancia / Égloga”

Bebía no seu peito o paxariño, / tan branco relumbraba! / I olor, color, sabor, que eu ben sabía / o que sabía Anxela, / anque n’inda a cheirala me astrevía… / Todo ós meus ollos era santo nela!

Rosalía de Castro, 1880. “Por que?” (Follas Novas)

Anxela e Xela son formas propias e exclusivas e as recomendadas no galego moderno; a variante Ánxela é etimolóxica e harmónica co portugués e o castelán e recuperouse recentemente.

Xela Arias foi a autora homenaxeada nas celebracións das Letras Galegas deste ano 2021. Rexistrárona ó nacer como María de los Ángeles, nunha época en que aquí non se podían poñer nomes en linguas distintas do castelán. Ela optou por galeguizar o seu nome en 1994.

[Imaxe tomada da web da RAG, da sección Primavera das Letras dedicada a Xela Arias]. LM.