Periodicamente os medios de comunicación recollen os debates que xorden en vilas e cidades arredor dos nomes das rúas.

A odonimia (do grego  odós, camiño, vía e ónoma, nome) é probablemente a parte máis mudable da toponimia, pois é moi raro que alguén solicite que se lle cambie o nome a unha vila, a unha parroquia, a un río, a un monte.

As causas destes cambios son variadas: en ocasións, en nome da Lei da memoria histórica, substitúense nomes asociados á ditadura franquista que xa desprazaran antigos topónimos; outras veces, a crecente urbanización do territorio esixe nomear rúas e vías que antes non existían. E, en moitos casos, a alternativa que se propón é un topónimo honorífico, en homenaxe a unha persoa.

Os que bautizaron as vellas rúas sabían que os topónimos serven para describir a realidade, para orientarse e para convivir. A Rúa Nova, O Preguntoiro, a Rúa Alta, a Praza da Ferrería, O Camiño Real… Non vivimos nun mundo acabado de descubrir; calquera recanto ten un nome previo; iso é seguro: ¡recórdese que Galicia ten máis de un millón de topónimos!.

Substituír un destes vellos nomes ou sepultar debaixo dunha nova urbanización coas súas vías novas unha manchea de topónimos que levan anos nomeando o territorio é un atentado patrimonial, é desbaldir unha herdanza natural e cultural que nos legaron os devanceiros.

Se se quere homenaxear alguén, eríxaselle unha estatua ou escríbase un libro para divulgar a súa valía persoal e social. ¿Entenderíase que para honrar o mérito dunha persoa se destruíse a catedral de Santiago ou a muralla de Lugo?