A castelanización que sufriu a nosa onomástica, especialmente no ámbito escrito, desde o século XVI, foi a razón de que, cando se derrogou a obrigatoriedade de consignar no Rexistro Civil os nomes única e exclusivamente en castelán (Lei 17/1977), a porcentaxe de nomes especificamente en galego fose moi baixa. Esa porcentaxe aumentou nos últimos anos do século, como se ve nos seguintes gráficos que se basean nos nenos nacidos entre 1990 e 2000 (téñase en conta que a porcentaxe dos nomes especificamente galegos era do 0%, de maneira que subiu do 0 ó 7%).

Grupos lingüísticos dos nomes propios en Galicia

Se sumamos os nomes comúns (como poden ser Andrea, Carlos, María ou Manuel) cos nomes especificamente galegos (como Xosé, Iria, Xoán, Brais), temos unha proporción bastante alta de nomes galegos, pero aínda é moito máis alta a dos que están en castelán, sobre todo entre os nenos, para os que se escolle adoito unha antroponimia máis conservadora. Aínda existe xente que considera que pór nomes en galego é unha cuestión de moda, sen decatarse de que en Galicia o natural sería os seus habitantes teren o nome na súa lingua propia. É necesario, pois, que a Administración galega contribúa a dar a coñece-lo feito de que esta minusvaloración dos nomes en galego é froito dunha circunstancia histórica de minusvaloración da propia lingua (e da imposibilidade legal de facelos constar no Rexistro Civil), e que facilite e dea a coñece-los nomes galegos propios.