Onomástica III
Estes días o Concello de Santiago de Compostela está a presentar o xogo didáctico Atopando Compostela, un xogo de mesa sobre a toponimia do concello, para entreterse e aprender coa toponimia, promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago e creado por Etnoga, Patrimonio Cultural, empresa de servizos de xestión integral, co asesoramento e a elaboración dos contidos deste enredo de preguntas e probas por parte da Asociación Galega de Onomástica.
Un dos aspectos importantes ao que hai que referirse constantemente e en cada oportunidadde que se teña é que a transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste patrimonio inmaterial.
A perda de toponimia tanto no medio rural coma no urbano é preocupante. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida na fala ou na memoria de persoas de idade, e con cada persoa que morre ou que abandona a súa actividade desaparecen moitos nomes de lugar.
No ano 2001 a Real Academia Galega, nun informe dirixido ao Goberno e ao Parlamento de Galicia, alertaba sobre este feito, nun diagnóstico que sinalaba que o abandono da actividade agraria, o xigantesco proceso de urbanización e diversas intervencións como obras públicas ou concentracións parcelarias poñen en perigo de desaparición irreversible unha gran parte deste tesouro. Nese informe pedíase unha acción institucional intensa que salvase este tesouro. Falábase dunha emerxencia. Precisábase dun proxecto máis ambicioso que permitise salvar canto antes a microtoponimia antes de a perder para sempre.
Un dos obxectivos deste xogo, amais de ampliar e precisar o coñecemento sobre a toponimia en xeral e os topónimos de Santiago de Compostela en particular, é valorar os nomes de lugar como elementos de singular importancia no patrimonio cultural que hai que protexer e conservar como calquera outra creación humana que sobrevive no tempo atravesando as xeracións e os séculos, segundo palabras de Gonzalo Navaza, presidente da Asociación Galega de Onomástica; porque os topónimos humanizan o medio físico dotándoo de memoria compartida, de tradición, de cultura. Necesítase unha maior sensibilización cara a este patrimonio e precisamos dunha lei como a canadense. Unha lei que recolla, cando menos, as recomendacións que Nacións Unidas elaborou en 2004 e que tipifique polo miúdo calquera aspecto que permita a conservación da nosa toponimia e da nosa antroponimia.
Galicia posúe un valioso patrimonio toponímico tanto en número como en variedade e antigüidade. Hai que frear o abuso de nomes honoríficos e conmemorativos nas vías urbanas, de nomes que non significan nada na zona na que se impoñen, nas novas áreas urbanas, nas novas urbanizacións, nos polígonos industriais e que deixan soterrados, esquecidos, moitos nomes que poderían conservarse e seguir identificando os novos espazos no canto de levar nomes monotemáticos, tales como o de capitais europeas, en Fontiñas, de sabios científicos, no Polígono do Tambre ou de árbores sen máis como é o caso da urbanización dos Tilos ou do Polígono do Milladoiro, próximos a Santiago..
Xosé Ramón López Boullón. Galicia Hoxe. 13-04-2011