Valadares é o nome de dúas parroquias (nos concellos de Outes e Vigo) e de cinco aldeas galegas. Tamén hai catro parroquias e varias localidades en Portugal con ese nome. É un topónimo exclusivo da área galego-portuguesa da península ibérica.
O topónimo corresponde ó plural de valadar, un abundacial do substantivo valado, que provén do latín VALLATUM, palabra derivada de VALLUM ‘estacada, cerca feita de paus’.
Valadar debeu ser voz común que conviviu con valado e desapareceu subtituída por esta.
Hai exemplos ben antigos da palabra no latín dos textos galegos, coma estes da documentación do mosteiro de Celanova, do séc. X:
- “…de ipsa sexta medietatem integram vobis damus atque concedimus de valatare de agro Ordoni” (…desta sexta dámosvos e concedémosvos a metade íntegra do valadar do agro de Ordoño)
- “…per corrogo qui discurrit de Linarelios et figit se in vallatare qui concludet vestrum agrum quos comparastis de filios Astulfu” (…polo corgo que discorre desde Liñarellos e se mete no valadar con que pecha o voso agro que lles compraches ós fillos de Astulfo)
- Nese mesmo século encontramos, tamén na documentación de Celanova, por primeira vez a palabra como topónimo:
- … in territorio Valladares iuxta flumen Minei (no territorio de Valadares, xunta o río Miño)
- … quas abemus de auiorum uel parentum nostrorum in territorio Valladares (que temos dos nosos avós ou parentes no territorio de Valadares)
- Illa alia hereditas dabo tibi ad integrum usque illam potueritis invenire in Valadares (A outra herdade que poderedes encontrar en Valadares doucha enteira para sempre )
E xa, acompañando a nomes propios, como precursor do apelido toponímico, no século XIII:
- Martino Valladares
- Suerio Pelagii de Valadares
En latín, a grafía <-LL-> latina representaba a xeminación (división) da consoante <-L-> e indicaba que esta consoante se alongaba e se pronunciaba en dúas sílabas: <VAL-LUM>, <VAL-LA-TUM>. Na evolución do latín ás linguas romances, esta secuencia deu lugar en galego a –l– (grafía e pronuncia), mentres que no castelán pasou a pronunciarse unha consoante palatal (o que hoxe escribimos con <ll>).
Pero nos textos medievais ás veces consevábase a grafía latina , aínda que se pronunciase –l– , por iso aínda que encontremos a forma “Valladares” debemos sempre lelo como Va-la-da-res e nunca se pode interpretar co mesmo valor có do galego moderno. Quere isto dicir que en galego nunca existiu o topónimo *Valladares pronunciado como se faría hoxe en día.
Cando se empezou a dar nos textos escritos o proceso de substitución do galego polo castelán, nos textos dos primeiros séculos era normal aínda que o topónimo non se castelanizase. Así se pode comprobar nestes fragmentos de documentos do séc. XVI tomados do Arquivo Histórico Universitario de Santiago.
A castelanización destes topónimos, seguramente por non corresponder a entidades grandes de poboación, foi tardía.
Nalgún caso, coma no da parroquia de Valadares de Vigo, adóitase considerar que a castelanización gráfica do topónimo comezou a consolidarse coa institución do marquesado do mesmo nome en 1673. Aínda así, o topónimo mantívose na súa forma galega na fala e calquera argumento que queira demostrar a antigüidade dunha forma oral *Valladares é falso. Así se evidencia con esta cita de Taboada Leal na súa Descrición topográfico-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores de 1840.
A semana pasada presentouse en Vigo a nova Cidade Deportiva do Celta que se construirá na parroquia de Valadares. Pero non é inusual ver na prensa a forma incorrecta *Valladares probablemente debido á reiterada argumentación de “díxose así de toda a vida”.
Quizais debamos reflexionar sobre o feito de que a duración da nosa vida é ben cativa ó lado da duración da vida da humanidade.