Do día 16 ó 19 de xullo terá lugar na Universidade de Santiago o Curso de verán de toponimia: actuación e interpretación, organizado pola profesora Ana Boullón, socia fundadora da AGOn.

O curso vai dirixido principalmente a profesorado de ensino medio e primario, profesionais de gabinetes de normalización lingüística e estudantes e licenciados universitarios, sobre todo, pero non de maneira exclusiva, de filoloxía, xeografía e historia. Con todo, está aberto a todas aquelas persoas interesadas na onomástica galega.

O obxectivo do curso de verán é formar o alumnado en catro campos de coñecemento fundamentais: a pescuda etimolóxica, a didáctica da toponimia, a acción normalizadora e o traballo de campo (recollida de microtoponimia, tratamento informático dos datos, etc.). Ademais, abordarase o carácter multidisciplinario do estudo toponímico, subliñando o aproveitamento que del se pode tirar para outras áreas do saber, como a xeografía, a arqueoloxía, a etnografía ou a historia.

A organización do curso está xestionando bolsas de colaboración con diversos concellos da contorna dirixidas ás persoas matriculadas. As bolsas están pensadas para que os alumnos, aproveitando os coñecementos adquiridos, realicen recollida de microtoponimia en determinadas parroquias deses concellos. Por outra banda, está solicitada a homologación á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia por un total de 30 horas lectivas.

Desde a AGOn queremos convidarvos a asistir e participar neste curso, que conta cun nutrido número de conferenciantes da nosa Asociación.

Se queredes saber máis, podedes premer na seguinte ligazón: http://ilg.usc.es/ilgas/pdf/Curso_Toponimia.pdf