Archive for the author ·

editor

·...

Microtoponimia vital

no comments

Francisco Freire elaborou este interesante vídeo sobre a riqueza e a importancia dos nosos nomes de lugar. O traballo xurdiu do Obradoiro de creación de vídeos organizado pola Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística e da recollida da microtoponimia que se está a facer desde o concello de Pontevedra.

Sobre a deturpación gráfica dos apelidos

no comments

O blog de Prolingua ofrécenos esta semana o artigo “As deformacións acentuais dalgúns apelidos galegos (I)” de X. Henrique Costas, un interesante texto sobre a deturpación acentual (e gráfica) dos apelidos de deportistas galegos que residen fóra de Galicia.

Carme Buxán na lembranza

no comments

 

O 24 de xullo de 2013 a enfermidade venceu a Carme Buxán Saco, socia da AGOn. Profesora de Historia, dedicou a súa vida á docencia e  ó estudo da Historia de Galicia, en concreto, do noso patrimonio castrexo. A súa obra Guía dos castros de Lalín (1989) supuxo o primeiro traballo moderno sobre os castros do concello e nela inclúese unha recompilación de material bibliográfico, toponímico e cartográfico e o posterior traballo de campo que teñen como resultado unha colección de fichas coa localización, a descrición, o emprazamento funcional, a recollida do folclore e os achados de cada un dos restos da antiga civilización castrexa no municipio de Lalín.

Que a terra que tanto amou e onde agora descansa lle sexa leve.

Aberta a matrícula no curso de verán de toponimia da USC

no comments

A Universidade de Santiago de Compostela vén de abrir o período de matriculación no curso de verán Toponimia: interpretación e actuación, que terá lugar nas facultades de Filosofía e Filoloxía do 16 ó 19 de xullo.

Podedes atopar información sobre as maneiras de formalizardes a matrícula premendo aquí.

Para coñecerdes os detalles do programa e outros datos de interese podedes visitar a seguinte ligazón: http://ilg.usc.es/ilgas/curso_veran_toponimia/.

Cómpre lembrar que a asistencia a este curso dá acceso a bolsas de traballo para a recollida de microtoponimia nos concellos de Rois, Touro, a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte (Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira) e outros en trámite.

Por outra banda, está solicitada a homologación á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para docentes de ensino primario e secundario por 30 horas lectivas. Ademais, a USC concede dous créditos de libre configuración a aqueles estudantes que os requiran.


Curso de verán de toponimia: actuación e interpretación

no comments

Do día 16 ó 19 de xullo terá lugar na Universidade de Santiago o Curso de verán de toponimia: actuación e interpretación, organizado pola profesora Ana Boullón, socia fundadora da AGOn.

O curso vai dirixido principalmente a profesorado de ensino medio e primario, profesionais de gabinetes de normalización lingüística e estudantes e licenciados universitarios, sobre todo, pero non de maneira exclusiva, de filoloxía, xeografía e historia. Con todo, está aberto a todas aquelas persoas interesadas na onomástica galega.

O obxectivo do curso de verán é formar o alumnado en catro campos de coñecemento fundamentais: a pescuda etimolóxica, a didáctica da toponimia, a acción normalizadora e o traballo de campo (recollida de microtoponimia, tratamento informático dos datos, etc.). Ademais, abordarase o carácter multidisciplinario do estudo toponímico, subliñando o aproveitamento que del se pode tirar para outras áreas do saber, como a xeografía, a arqueoloxía, a etnografía ou a historia.

A organización do curso está xestionando bolsas de colaboración con diversos concellos da contorna dirixidas ás persoas matriculadas. As bolsas están pensadas para que os alumnos, aproveitando os coñecementos adquiridos, realicen recollida de microtoponimia en determinadas parroquias deses concellos. Por outra banda, está solicitada a homologación á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia por un total de 30 horas lectivas.

Desde a AGOn queremos convidarvos a asistir e participar neste curso, que conta cun nutrido número de conferenciantes da nosa Asociación.

Se queredes saber máis, podedes premer na seguinte ligazón: http://ilg.usc.es/ilgas/pdf/Curso_Toponimia.pdf

Valadares: ortografía e castelanización da toponimia

no comments

Valadares é o nome de dúas parroquias (nos concellos de Outes e Vigo) e de cinco aldeas galegas. Tamén hai catro parroquias e varias localidades en Portugal con ese nome. É un topónimo exclusivo da área galego-portuguesa da península ibérica.

O topónimo corresponde ó plural de valadar, un abundacial do substantivo valado, que provén do latín VALLATUM, palabra derivada de VALLUM ‘estacada, cerca feita de paus’.
Valadar debeu ser voz común que conviviu con valado e desapareceu subtituída por esta.

Hai exemplos ben antigos da palabra no latín dos textos galegos, coma estes da documentación do mosteiro de Celanova, do séc. X:

  • “…de ipsa sexta medietatem integram vobis damus atque concedimus de valatare de agro Ordoni” (…desta sexta dámosvos e concedémosvos a metade íntegra do valadar do agro de Ordoño)
  • “…per corrogo qui discurrit de Linarelios et figit se in vallatare qui concludet vestrum agrum quos comparastis de filios Astulfu” (…polo corgo que discorre desde Liñarellos e se mete no valadar con que pecha o voso agro que lles compraches ós fillos de Astulfo)
  • Nese mesmo século encontramos, tamén na documentación de Celanova, por primeira vez a palabra como topónimo:
  • … in territorio Valladares iuxta flumen Minei (no territorio de Valadares, xunta o río Miño)
  • … quas abemus de auiorum uel parentum nostrorum in territorio Valladares (que temos dos nosos avós ou parentes no territorio de Valadares)
  • Illa alia hereditas dabo tibi ad integrum usque illam potueritis invenire in Valadares (A outra herdade que poderedes encontrar en Valadares doucha enteira para sempre )

E xa, acompañando a nomes propios, como precursor do apelido toponímico, no século XIII:

  • Martino Valladares
  • Suerio Pelagii de Valadares

En latín, a grafía <-LL-> latina representaba a xeminación (división) da consoante <-L-> e indicaba que esta consoante se alongaba e se pronunciaba en dúas sílabas: <VAL-LUM>, <VAL-LA-TUM>. Na evolución do latín ás linguas romances, esta secuencia deu lugar en galego a –l– (grafía e pronuncia), mentres que no castelán pasou a pronunciarse unha consoante palatal (o que hoxe escribimos con <ll>).

Pero nos textos medievais ás veces consevábase a grafía latina , aínda que se pronunciase –l– , por iso aínda que encontremos a forma “Valladares” debemos sempre lelo como Va-la-da-res e nunca se pode interpretar co mesmo valor có do galego moderno. Quere isto dicir que en galego nunca existiu o topónimo *Valladares pronunciado como se faría hoxe en día.

 

Cando se empezou a dar nos textos escritos o proceso de substitución do galego polo castelán, nos textos dos primeiros séculos era normal aínda que o topónimo non se castelanizase. Así se pode comprobar nestes fragmentos de documentos do séc. XVI tomados do Arquivo Histórico Universitario de Santiago.
A castelanización destes topónimos, seguramente por non corresponder a entidades grandes de poboación, foi tardía.

Nalgún caso, coma no da parroquia de Valadares de Vigo, adóitase considerar que a castelanización gráfica do topónimo comezou a consolidarse coa institución do marquesado do mesmo nome en 1673. Aínda así, o topónimo mantívose na súa forma galega na fala e calquera argumento que queira demostrar a antigüidade dunha forma oral *Valladares é falso. Así se evidencia con esta cita de Taboada Leal na súa Descrición topográfico-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores de 1840.

A semana pasada presentouse en Vigo a nova Cidade Deportiva do Celta que se construirá na parroquia de Valadares. Pero non é inusual ver na prensa a forma incorrecta *Valladares probablemente debido á reiterada argumentación de “díxose así de toda a vida”.

Quizais debamos reflexionar sobre o feito de que a duración da nosa vida é ben cativa ó lado da duración da vida da humanidade.

Enredando nos antropónimos con Xulia Marqués

no comments

O próximo día 11 de decembro, ás 20:00 h. na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, a socia da AGOn Xulia Marqués presenta dúas interesantes propostas educativas para traballar coa onomásticas na educación primaria:  Enredando nos antropónimos (libro do alumnado + CD para o mestre) e Antroponimizando. Proposta dixital educativa para traballar cos nomes e apelidos.

A autora, que está acompañada nesta presentación por Ana Boullón, membro tamén da Asociación Galega de Onomástica, quere convidar a a todos os interesados na onomástica.

Xulia Marqués é unha das máis destacadas especialistas en didáctica da onomástica e entre as súas obras figuran tamén Enredando nos topónimos con Rodari e Guía para unha intervención toponímica desde a escola.

 

A toponimia desvalida

2 comments

Un cidadán acode ó Valedor para que inste a un concello a cumprir a lei: “Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega. Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios…”

O Valedor abre un expediente.

O Valedor escríbelle ó concello: “Lémbroche que tes que cumprir a lei”.

O concello non responde.

O Valedor pregúntalle ó concello:” ¿Vas responder o que che preguntei?”

O concello non responde.

O Valedor vólvelle preguntar unhas cantas veces: “¿Vas responder o que che preguntei?”

O concello, por fin, responde: “Non me gusta ó que me obriga a lei e, como xa pedín que o puxesen como a min me gusta, non vou cumprir a lei”.

O Valedor sentenza: “O concello acepta parcialmente o meu recordatorio”.

O Valedor pecha o expediente.

A toponimia, ¿ten que a valla?

A historia completa, aquí: valedor_do_pobo_Ribeira.pdf

Sobre o nome de Ribeira, aquí.

 

Blog sobre a toponimia de Vigo

no comments

Para todos aqueles interesados na Toponimia e na Historia, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de de Vigo leva dende setembro escribindo o blog Toponimia de Vigo. O blog mantéñeno o propio SNL do concello e as persoas que están recollendo a microtoponimia da zona pero tamén recibiron a colaboración doutros expertos. Ademais están abertos ás achegas de quen queira participar.

Organizadas por parroquias, nas entradas desta bitácorapodemos encontrar, máis alá da toponimia local,  información sobre moitos aspectos das ciencias onomásticas e tamén anécdotas e noticias relacionadas. O blog dispón tamén da súa propia canle de youtube con vídeos explicativos dun bo número de topónimos.

Desde a AGOn celebramos todas as iniciativas encamiñadas a estudar e divulgar a nosa onomástica e dámoslles os parabéns os autores e colaboradores de Toponimia de Vigo.

 

Apelido Feixó / Feixoo

2 comments

O apelido Feixó / Feixoo contén o substantivo común feixó (‘feixón, faba’) e remite ao étimo latino PHASEOLU, como xa expuxo no seu día o Padre Sarmiento. Parece que a motivación que suscitou na época medieval o seu emprego como alcuña procede do uso humorístico do nome deste legume co significado do substantivo calva. Sería, xa que logo, semanticamente equivalente do apelido Calvo, formado co correspondente adxectivo común. Este significado pode deducirse dunha cantiga de Afonso X na cal aparece feijoo como sinónimo de calvareça; no texto, o segundo verso da segunda estrofa (“que semelha Pedro Gil no feijoo”) é paralelístico do segundo verso da primeira (“semelha Pedro Gil na calvareça”).

Contrariamente ó que moita xente pensa, o uso do grafema <g> e <j> para este apelido non é continuación da tradición medieval, por máis que nalgúns casos coincida con ela, senón o resultado da acomodación ás normas establecidas pola reforma ortográfica do castelán en 1815. Entre os séculos XVI e XVIII podemos atopar este apelido escrito indistintamente con <j> ou con <x>, coa mesma variabilidade e pouca regularidade que observamos nos topónimos. A grafía actual con <j> obedece á reforma da ortografía española de 1815.

Polo que se refire á dupla vogal final, debemos considerala unha grafía arcaizante, que se ben desapareceu do galego común, sobrevive, alternando coa solución simplificada, noutros topónimos e apelidos galegos (Saa~, Boo~Bo, Rioboo~Riobó, Moo~, etc.). É anómalo o acento con que en ocasións se marca a penúltima vogal (*Feixóo, igual ca en *Riobóo, *Sáa etc.), que non se avén coas regras de acentuación do galego nin coas do castelán.

Esta información está tirada dun artigo que Gonzalo Navaza, membro da AGOn, acaba de publicar na revista académica Estudos de Lingüística Galega. Pódese descargar gratuitamente aquí:

http://ilg.usc.es/elg/volume/4/peneira/Peneira_Navaza_ELG04_2012.pdf