Archive for the author ·

GonzaloHermo

·...

A toponimia vén de ser recoñecida pola Lei para a salvagarda do Patrimonio Cultural

no comments

En novembro do pasado ano 2014, a RAG facía público un comunicado no que lle solicitaba ao Congreso dos Deputados a inclusión da toponimia tradicional como “Concepto de patrimonio cultural inmaterial” na Lei para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial.

A devandita lei, publicada no BOE  do 17 de maio de 2015, recolle a recomendación da Academia:Tradicións e expresións orais, incluídas as modalidades e particularidades lingüísticas como vehículo do patrimonio cultural inmaterial; así como a toponimia tradicional como ferramenta para a concreción da denominación xeográfica dos territorios”.

A AGOn congratúlase por esta nova, que supón un paso substancial cara á protección e salvargarda da toponimia de noso.

Máis información no seguinte enlace

 

 

 

 

Parabéns aos veciños do Sisto!

no comments

Ata hai pouco tempo, este era o cartel que indicaba a aldea do Sisto, na parroquia de Ribasar, concello de Rois:


 

A orixe do topónimo, que conta con máis de cen ocorrencias ao largo do país, nada ten que ver co antropónimo latino Sextus ou Sixtus, como se veu pensando, senón que procede moi problemente do latín sistere ‘colocar, establecer’. A forma tradicional do topónimo, coherente con esta hipótese etimolóxica, é O Sisto e así se recolle no Nomenclátor de Galicia, que determina os nomes oficiais das entidades de poboación galegas.

Contra a rotulación incorrecta do nome da aldea, a Asociación de Veciños de Ribasar presentou unha queixa ante a Xunta e o cartel vén de ser trocado por estoutro:

 

Parabéns aos veciños do Sisto por poñeren en valor os nomes de noso!

 

Crónica do curso de verán de toponimia

no comments

Do 16 ao 19 de xullo tivo lugar nas facultades de Filosofía e Filoloxía de Santiago de Compostela o curso de verán da USC Toponimia: interpretación e actuación. O curso contou cun número significativo de conferencias impartidas por socios da AGOn. É o caso de Gonzalo Navaza, Antón Palacio, Luz Méndez, Xesús Ferro, Antón Santamarina, Carlos Búa, Paulo Martínez Lema, Vicente Feijoo, Xosé Lois Vilar, Xulia Marqués e Marta Souto.

Ó acto de inauguración, celebrado o martes 16 na facultade de Filosofía, acudiron a directora do curso e socia fundadora da AGOn, Ana Boullón, o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, o director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González Seoane, o alcalde do concello de Rois, Ramón Tojo Lens, e o presidente da mancomunidade de municipios Arousa Norte e alcalde do concello de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez. Os concellos de Rois e Touro e a mancomunidade de municipios Arousa Norte (formada por Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira) financian axudas económicas para a recollida de microtoponimia destinadas a alumnos matriculados no curso.

O elevado número de asistentes, por riba dos setenta, demostra o interese que espertan os actos concibidos co fin de divulgar os estudos onomásticos e sensibilizar arredor da conservación e coidado do noso patrimonio toponímico. Durante o curso houbo unha asistencia continuada e suscitáronse debates arredor dos contidos expostos, enfocados fundamentalmente cara ó coñecemento científico da pescuda etimolóxica e mais ás posibilidades de normalización lingüística neste eido, tanto no marco municipal como nos centros educativos. Tívose en conta o fundamental carácter multidisciplinar da toponimia, e expuxéronse as súas relacións e implicacións coa xeografía, o marco xurídico, a arqueoloxía e paisaxe, e a literatura. Ademais, unha das pezas angulares foi a formación na recollida toponímica, obxecto dunha práctica de campo específica.

Ós alumnos da USC que participaron concedéronselles dous crédito de libre configuración, e ós profesores de ensino non universitario a homologación como curso de formación por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por 30 horas lectivas.


Acto de inauguración do curso de verán de toponimia

Público asistente ó acto de inauguración