Archive for the ·

Agon

· Category...

A toponimia desvalida

2 comments

Un cidadán acode ó Valedor para que inste a un concello a cumprir a lei: “Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega. Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios…”

O Valedor abre un expediente.

O Valedor escríbelle ó concello: “Lémbroche que tes que cumprir a lei”.

O concello non responde.

O Valedor pregúntalle ó concello:” ¿Vas responder o que che preguntei?”

O concello non responde.

O Valedor vólvelle preguntar unhas cantas veces: “¿Vas responder o que che preguntei?”

O concello, por fin, responde: “Non me gusta ó que me obriga a lei e, como xa pedín que o puxesen como a min me gusta, non vou cumprir a lei”.

O Valedor sentenza: “O concello acepta parcialmente o meu recordatorio”.

O Valedor pecha o expediente.

A toponimia, ¿ten que a valla?

A historia completa, aquí: valedor_do_pobo_Ribeira.pdf

Sobre o nome de Ribeira, aquí.

 

Blog sobre a toponimia de Vigo

no comments

Para todos aqueles interesados na Toponimia e na Historia, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de de Vigo leva dende setembro escribindo o blog Toponimia de Vigo. O blog mantéñeno o propio SNL do concello e as persoas que están recollendo a microtoponimia da zona pero tamén recibiron a colaboración doutros expertos. Ademais están abertos ás achegas de quen queira participar.

Organizadas por parroquias, nas entradas desta bitácorapodemos encontrar, máis alá da toponimia local,  información sobre moitos aspectos das ciencias onomásticas e tamén anécdotas e noticias relacionadas. O blog dispón tamén da súa propia canle de youtube con vídeos explicativos dun bo número de topónimos.

Desde a AGOn celebramos todas as iniciativas encamiñadas a estudar e divulgar a nosa onomástica e dámoslles os parabéns os autores e colaboradores de Toponimia de Vigo.

 

Apelido Feixó / Feixoo

2 comments

O apelido Feixó / Feixoo contén o substantivo común feixó (‘feixón, faba’) e remite ao étimo latino PHASEOLU, como xa expuxo no seu día o Padre Sarmiento. Parece que a motivación que suscitou na época medieval o seu emprego como alcuña procede do uso humorístico do nome deste legume co significado do substantivo calva. Sería, xa que logo, semanticamente equivalente do apelido Calvo, formado co correspondente adxectivo común. Este significado pode deducirse dunha cantiga de Afonso X na cal aparece feijoo como sinónimo de calvareça; no texto, o segundo verso da segunda estrofa (“que semelha Pedro Gil no feijoo”) é paralelístico do segundo verso da primeira (“semelha Pedro Gil na calvareça”).

Contrariamente ó que moita xente pensa, o uso do grafema <g> e <j> para este apelido non é continuación da tradición medieval, por máis que nalgúns casos coincida con ela, senón o resultado da acomodación ás normas establecidas pola reforma ortográfica do castelán en 1815. Entre os séculos XVI e XVIII podemos atopar este apelido escrito indistintamente con <j> ou con <x>, coa mesma variabilidade e pouca regularidade que observamos nos topónimos. A grafía actual con <j> obedece á reforma da ortografía española de 1815.

Polo que se refire á dupla vogal final, debemos considerala unha grafía arcaizante, que se ben desapareceu do galego común, sobrevive, alternando coa solución simplificada, noutros topónimos e apelidos galegos (Saa~, Boo~Bo, Rioboo~Riobó, Moo~, etc.). É anómalo o acento con que en ocasións se marca a penúltima vogal (*Feixóo, igual ca en *Riobóo, *Sáa etc.), que non se avén coas regras de acentuación do galego nin coas do castelán.

Esta información está tirada dun artigo que Gonzalo Navaza, membro da AGOn, acaba de publicar na revista académica Estudos de Lingüística Galega. Pódese descargar gratuitamente aquí:

http://ilg.usc.es/elg/volume/4/peneira/Peneira_Navaza_ELG04_2012.pdf

 

 

A falacia da forma *Riveira

8 comments

En setembro de 1984  a Xunta de Galicia publica o decreto polo que se establece o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia de Galicia. En 2003 rematouse finalmente a normalización de todas as entidades de poboación galegas, logo de pasar por distintas fases que se iniciaron coa oficialización dos nomes dos concellos, a maioría xa no ano 1985.

Algúns casos, coma os das Pobras, foron polémicos. Outros nomes aínda merecen hoxe unha revisión, coma o caso da Cañiza (A Caniza) e o de Riós (Os Riós~Orriós). E isto só por falar dos nomes dos concellos.

Con todo,  chama a atención o caso de Ribeira, un asunto de insubmisión permanente ante a grafía correcta xa desde os primeiros momentos da oficialización do nome por parte da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia.

Como é ben sabido, o topónimo Ribeira provén do latín RIPARIAM e ten un significado transparente porque coincide coa voz común da misma orixe ribeira ‘franxa de terra que está ao lado dun río, dun lago ou do mar’ (DRAG). Débese entón escribir con −b−  xa que é resultado dun −p− latino, tal como establece a nosa ortografía, que é etimolóxica (NOMIG, p. 8).

 

O concello mantén a forma *Riveira na súa documentación en connivencia coa propia Xunta de Galicia que incumpre así as propias leis que promulga, coma a lei de Normalización, cando, por exemplo, lle dá publicidade ó programa FalaRedes da SXNL co topónimo incorrecto.

Co argumento de que é a forma “de toda la vida”,  a corporación municipal de Ribeira aprobara xa en 1984 a forma deturpada, logo do informe do cronista oficial da vila que defendía que o nome do concello xamais aparecía na documentación antiga coa grafía etimolóxica e que realmente o topónimo proviña do apelido dunha suposta familia Mariño de Rivera á que o rei de Castela (???) lle dera carta de pobramento sobre esas terras no século XII.

Non só é falso que haxa unha tradición gráfica da forma *Riveira, como se pode comprobar cuns poucos exemplos da parroquia que lle dá nome ó concello, seleccionados ó chou nos nosos fondos documentais e que se amosan na imaxe do lado esquerdo (prémase nela para vela ampliada), senón tamén que a coroa de Castela non está considerada como entidade histórica ata o século XIII, con Fernando III o Santo (antes só tiña consideración de condado).

Amais disto, as primeiras referencias xenealóxicas a un apelido Mariño de Ribera (con −b−, por certo, como se pode comprobar no exemplo máis á dereita da imaxe), son do século xv, na figura de Gonzalo Mariño de Ribera [┼1435], emparentado coa casa de Soutomaior cando un Ribeira da terra de Limia (en Xinzo hai as parroquias de Cima de Ribeira, Mosteiro de Ribeira e Parada de Ribeira), se uniu en matrimonio cunha Mariño.

Por tanto, está claro que o cambio de <b> a <v> foi posterior á Idade Media. A atestación máis antiga que atopamos con <v> procede das memorias do cardeal Jerónimo del Hoyo (ano 1607), onde se rexistra “Sancta Eugenia de Rivera”, con castelanización tamén do haxiotopónimo. Unha forma semellante tamén figura nos materiais do catastro de Ensenada: “Santa Eugenia de Riveira”.

A castelanización que a partir do século XV sufriu o noso país e a nosa toponimia é a causante destas formas deturpadas, que non son nin galegas nin tan “de toda a vida” como algúns cren. Acae aquí o dito castelán de querer “descender de la pata del Cid” mesmo botando man da ignorancia, cando as nosas orixes son tan nobres e antigas coma a desta vila que recibe o honroso  nome de “a que está ó pé do mar”.

 

No pasamento de Juan José Moralejo Álvarez

no comments

Finou o profesor Juan José Moralejo, catedrático de grego na Universidade de Santiago e membro fundador da Asociación Galega de Onomástica. Non é este o lugar para falar do seu perfil como estudoso da lingua e literatura grega clásica, nin como amador da pesca da troita, nin como articulista de actualidade, sempre cunha aguzada ironía que mesmo trasladaba ós seus escritos de investigación ou divulgación científica. O pesar polo seu pasamento que a AGOn quere transmitir é debido ó seu labor en prol do coñecemento científico da toponimia, sobre todo a de orixe prerromana. Bo sucesor de seu pai, Abelardo Moralejo, un dos primeiros investigadores universitarios na toponimia galega, dedicou moitos traballos, de maneira case exclusiva nos últimos anos da súa vida, a hidrónimos (Miño, Mondeo, Limia, Deva), a etimoloxías fantásticas (Iria, Galicia), topónimos (rematados en –bre, -briga , Estramundi, Padrón, Arcos, Bustos, Pazos…). Cremos que o mellor recordo que a nosa asociación pode tributarlle é a difusión da súa obra. Reproducimos a seguir os principais traballos seus relacionados coa toponimia galega; o volume que recolle moitos deles pódese descargar en http://ilg.usc.es/agon/wp-content/uploads/2010/09/Callaica_Nomina.pdf

Sit tibi terra levis!

(1995): “Extramundi”, El Extramundi 3, 7-14. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 19-23.

(2000): “Prosapia y trapisonda de Iria Flavia”, El Extramundi 21, 45-67. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 89-100.

(2001): “Hidronimia galaica prerromana”, en F. Villar / Mª P. Fernández Álvarez (eds.): Religión, lengua y cultura prerromanas de Hispania. Actas del VIII Coloquio Internacional sobre lenguas y culturas prerromanas de la Península Ibérica. Salamanca 1999. Salamanca: Universidad de Salamanca, 501-509. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 101-134.

(2002): “Gallaecia y sus etimologías”, en M. Domínguez et al. (eds.): Sub luce florentis calami: homenaje a Manuel C. Díaz y Díaz. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 92-115. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 113-134.

(2002): “Mandeo, Mendo, Miodelo”, Anuario brigantino 25, 77-86. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 143-152.

(2003): “Cambre, Pambre e outros topónimos en –breRevista Galega de Filoloxía 4, 97-113. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 171-184.

(2003): “Conimbriga y otros topónimos en –briga”, en J. Mª Nieto Ibáñez (coord.), Lógos hellenikós: Homenaje al Profesor Gaspar Morocho Gayo, I, León, Universidad de León, pp. 185-195. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 185-195.

(2004) “Empadronando a Padrón” El Extramundi 37, pp. 37-58. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 245-256.

(2004): “El río Miño y sus etimologías”, en Á. Franco Mata (dir.): Patrimonio artístico de Galicia y otros estudios: homenaje al profesor Dr. Serafín Moralejo Álvarez. [Santiago de Compostela]: Xunta de Galicia, vol. 3, 203-216. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 257-281.

(2005): “Arco(s), Busto(s), Pazo(s): ¿toponimia de ganadería?”, en A. I. Boullón Agrelo / X. L. Couceiro Pérez / F. Fernández Rei (eds.): As tebras alumeadas: estudos filolóxicos ofrecidos en homenaxe a Ramón Lorenzo. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, pp. [219]-237. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 283-298.

(2005): “Hidrónimos galaicos con sufijo –antia”, Palaeohispanica 5, 837-860. [Acta palaeohispanica IX. Actas del IX Coloquio sobre Lenguas y Culturas Paleohispánicas. Barcelona, 20-24 de octubre de 2004. Zaragoza: Institución “Fernando el Católico”]. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 339-356.

(2006): “O río do esquecemento e outras cousas da Limia”, Lethes 7, 144-157. Reed. en Moralejo Álvarez 2008, 357-375.

(2008): Callaica Nomina. Estudios de onomástica gallega. [A Coruña]: Fundación Pedro Barrié de la Maza.

(2008): “Iria Flavia y su mito”, en Plenitudo Veritatis: Homenaje a Mons. Romero Pose, Santiago de Compostela, Instituto Teológico Compostelano, 501-519.

(2009): “Toponimia de las vías romanas de Galicia”, Palaeohispanica 9, 189-202. ActPal X = PalHisp 9 189.

(2009): “Minius = Minho = Miño”, Minius 17, 17-23.

(2010); “Deva”, Arraianos 8, 9-11.

(2010): “Topónimos célticos en Galicia”, Palaeohispanica 10 [= Serta Palaeohispanica in honorem Javier de Hoz], 99-111. http://ifc.dpz.es/recursos/publicaciones/30/23/07moralejo.pdf.

A luz das palabras: Gallaecia e as súas etimoloxías. Transcrición da gravación do encontro intelectual entre Xosé Luís Méndez Ferrín e Juan José Moralejo Alvarez”, [presentador do acto, Xosé Luís Axeitos; transcrición e notas, Alberto Piñeiro], Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza 7 (2011). 65-78.

Foto: web da USC (curriculum de JJMA)

 

 

 

A importancia de chamarse… Mariña ou Xan

1 comment

Un estudo publicado recentemente na revista Social Psychological and Personality Science, da Stanford University de California conclúe que un nome de pía mal elixido pode chegar a condicionar negativamente a vida da persoa que o leva e  que os nomes que máis triunfan son aqueles propios da cultura tradicional de cada quen. A revista só se pode consultar por suscrición pero pódese saber algo máis do contido do artigo aquí.

Unha das autoras deste estudo, Wiebke Neberich, xa concluíra nun traballo que realizou para a páxina de relacións eDarling que os nomes tamén poden chegar a determinar a facilidade ou dificultade dunha persoa á hora de encontrar parella e que os que menos éxito teñen son os nomes de orixe anglosaxoa.

Carta ao alcalde de Santiago

no comments

Sr. Alcalde de Santiago:

Sabedores pola prensa da proposta da súa alcaldía de darlles nomes conmemorativos de organismos e personalidades civís e relixiosas a rúas de Santiago de Compostela que non o teñen asignado, dirixímonos a vostede e ó goberno municipal para ofrecérlle-la nosa colaboración.

A Asociación Galega de Onomástica (AGOn) creouse en setembro de 1999 co fin de promove-los estudos dedicados á conservación, divulgación e investigación da onomástica, posto que os nomes de persoa e de lugar e o seu estudo constitúen unha parte ben importante do acervo cultural dun país, e Galicia posúe un inmenso patrimonio toponímico case único no mundo. No concello de Santiago, a través do Proxecto Toponimia de Galicia (Xunta de Galicia), recolléronse preto de 10.000 formas, que doadamente se poden habilitar para bautiza-las rúas que os sepultan.

A crecente urbanización do territorio, á par dos indiscutibles beneficios que reporta, supón un grave risco para ese patrimonio porque debaixo de cada rúa que se abre quedan sepultados ducias de nomes de lugar, moitas veces únicos, que durante un tempo só se conservan na memoria das persoas pero que tamén morren con elas. O progreso débese entender como a incorporación da sociedade ás novas conquistas sen deixar perde-la herdanza natural e cultural que nos legaron os devanceiros.

Alén disto, usa-la toponimia tradicional ten outra vantaxe: Ninguén se vai ver ofendido porque se lle asignou ó nome dunha rúa o dun persoeiro de calquera campo social e estes sempre poden ser homenaxeados a través doutros recursos: denominación de edificios públicos, mencións honoríficas, estatuas… Coincidimos, pois, plenamente co Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos da ONU que recomenda evitar o uso de topónimos conmemorativos cando existen nomes autóctonos vivos para un lugar.

Agardamos que no Concello de Santiago se aproveite esta oportunidade de ser un exemplo de respecto e defensa do patrimonio ante tódolos concellos do país.

Saudámolo atentamente e quedamos ó seu dispor.

En Santiago, mércores, 21 de marzo de 2012

 

Queres saber dos teus apelidos?

no comments

Mañá, sábado 17, Gonzalo Navaza, membro da Asociación Galega de Onomástica (AGOn), participará nun Consultorio de Apelidos organizado pola Gentalha do Pichel. O encontro é ás 20:00 no centro social da asociación (rúa de Santa Clara, 21 – Santiago de Compostela).

I Curso de Formación de Especialistas en Toponimia

no comments

O 2 de marzo empezou o I Curso de Formación de Especialistas en Toponimia organizado polos concellos de Vigo, Pontevedra e Ourense amais o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) e coa colaboración da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. Desenvolverase durante os venres e sábados deste mes de marzo.
O éxito da convocatoria (máis de cen inscritos) e o interese que esperta a materia levaron ós organizadores a facer público un diario das intervencións para poder seguir o curso na páxina do IEM.

A toponimia interesa

no comments

A rota toponímica organizada o domingo pasado pola Gentalha do Pichel tivo un grande éxito de público. Un paseo de case tres horas pola zona vella de Santiago encabezado por Xosé Ramón López Boullón, membro da Asociación Galega de Onomástica, convocou arredor de cincuenta persoas que participaron activamente coas súas preguntas e as súas achegas a que todos coñecésemos algo máis da historia e da toponimia da cidade.

Desde a AGOn dámoslles os parabéns aos organizadores, ao guía e aos asistentes, alegrámonos do interese que esperta o noso património toponímico e esperamos que sexan moitas máis as veces que reflexionemos sobre os nosos nomes de lugar.